O PP esixe ao Goberno de España que cumpra coa mellora integral do firme na N-640 aprobada na Comisión de Seguridade Viaria do Congreso e lamenta os “parches pírricos e insuficientes”

  • Os deputados Pedro Puy e Juan Bayón reclaman que se acometa de inmediato a reposición do firme nos 82,1 quilómetros desta vía na provincia de Pontevedra e cren que a axilización das accións de conservación “só pretenden limpar a mala conciencia dos socialistas”

Advirten que a abstención do PSOE na citada comisión no Congreso “xa deixaba clara a súa intención de seguir sen investir nesta estrada e seguir castigando á provincia” e anuncian que seguirán insistindo na súa demanda “para subsanar unha vía terceiromundista

Os deputados pontevedreses Pedro Puy e Juan Bayón veñen de esixirlle ao Goberno de España que cumpra de inmediato coa mellora integral e a reposición de todo o firme na estrada N-640, posto que a súa execución foi aprobada pola Comisión de Seguridade Viaria do Congreso –a través dunha Proposición Non de Lei (PNL) presentada polo PP– e lamentaron que o Executivo central se limite a facer “parches pírricos e insuficientes e bacheos máis propios de pistas rurais que dunha vía nacional de alta capacidade”.

 

Os parlamentarios reclaman deste xeito que se acometa de inmediato a ansiada e demandada modernización integral dos 82,1 quilómetros desta estrada ao seu paso polos concellos pontevedreses de Vilagarcía de Arousa, Caldas de Reis, Cuntis, A Estrada, Silleda, Lalín e Agolada, “que se atopan en pésimas condicións e con grave risco para os seus usuarios” e ademais porque consideran obrigado dar cumprimento ao acordo da citada comisión sobre a PNL do Partido Popular.

 

Para os populares, os anuncios dos representantes gubernamentais de que se van axilizar as tarefas de conservación e mantemento, que se están a acometer estes días nalgúns dos concellos do percorrido da N-640, “só pretenden limpar a mala conciencia dos cargos socialistas e semellar ante a cidadanía que fan algo, porque o clamor social é evidente, pero non serve nin de lonxe para dar a solución técnica que precisa esta estrada”.

 

“Falan de que, con esta partida, se van investir 8 millóns de euros, unha contía da que dubidamos, pero que, en todo caso, é totalmente insuficiente para o que precisa esta vía, que é a renovación integral do asfalto e outras medidas de seguridade viaria”, precisaron os deputados, que tamén lamentaron as vaguedades dos representantes estatais, sen prazos nin orzamento, asegurando que van facer xestións para que se licite un contrato de rehabilitación do firme: “Non se necesita que fagan ningunha xestión, se trata de que, dunha vez por todas, tomen a decisión política de asfaltar esta estrada de inmediato”.

 

Os parlamentarios populares advertiron de que a abstención do PSOE na citada Comisión de Seguridade Viaria “xa deixaba clara a súa intención de seguir sen investir nesta estrada malia as súas pésimas condicións e de seguir castigando á provincia de Pontevedra sen nin sequera o mínimo que lle corresponde” e lembraron que os incumprimentos do Goberno de España son “constantes e continuos”, exemplificándoos no anuncio da mellora da N-640 entre a Praza da Constitución e a recta de Rubiáns, en Vilagarcía, que foi anunciada nas vésperas das eleccións de 2023 e cuxo proxecto sempre está en redacción.

 

Finalmente, Puy e Bayón anunciaron que van seguir insistindo “de xeito incansable” na súa demanda de mellora da estrada N-640 ata que se renove todo o seu firme e se acometan outras actuacións de seguridade “co obxectivo de atender á demanda unánime dos cidadáns e dos seus 10.458 usuarios diarios e de que se subsane canto antes unha vía terceiromundista tras sete anos de esquecemento por parte do Goberno de España”.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.