A nova contratación lánzase para un ano prorrogable por outro máis e
cun importe de 55.000 euros.
En períodos non lectivos as prazas están todas cubertas, habendo unha
decena de vacantes en épocas de clase.
O pago medio sitúase nos 30 euros mensuais por usuario.
A Xunta de Goberno da Estrada deu luz verde este
mediodía ao inicio do expediente de contratación do servizo Espazo Concilia A Estrada,
un programa altamente valorado por moitas familias do municipio e que este mes de
maio cumpre sete anos en funcionamento.
Coñecido por moitos veciños como ludoteca municipal, esta aposta do goberno local
busca favorecer cada día a conciliación da vida laboral e familiar para moitos
estradenses. A licitación lánzase por un ano, prorrogable por outro máis, cun orzamento
de 55.000 euros.
Emprazado no primeiro andar do edificio do Novo Mercado, con entrada independente
pola Rúa Padrón, funciona de luns a venres de 15.00 a 21.00 horas, se ben en períodos
non lectivos (Nadal, Semana Santa e vacacións de verán), acomoda a súa atención entre
as 08.30 e as 14.30 horas.
O Espazo Concilia oferta nestes intres un total de 45 prazas, que se enchen en períodos
nos que os nenos e nenas de entre 3 e 12 anos de idade non teñen colexio. Nos días
lectivos é habitual que o programa teña unha media de 10 prazas vacantes.
Atención, reforzo educativo e ocio
O servizo conta actualmente con tres persoas para prestar atención, reforzo educativo e
tempo de ocio aos usuarios. As solicitudes de ingreso valóranse en función da renda
familiar, podendo ir dende a gratuidade total ata un pago de 100 euros ao mes. Non
obstante, dende o departamento municipal de Servizos Sociais explícase que o pago
medio do Espazo Concilia sitúase nos 30 euros por usuario ao mes.
O Concello habilita tamén bonos para facer uso destas instalacións en materia de
conciliación de xeito esporádico. Neste caso o prezo é de 25 euros, por cinco bonos, que
poden utilizarse en calquera momento e pola xornada completa de servizo.