O regulamento prohibe expresamente a entrada de residuos de orixe
industrial. “É o que di a lei, non o Concello”, aclara Óscar Durán.
O concelleiro avanza estudos que valoran a posibilidade de xestión, de
cara ao ano que vén e coa correspondente taxa pública, para
microempresas e autónomos, pero incide en que non existen
antecedentes.
A normativa de funcionamento establece a obrigatoriedade de
identificación das persoas que efectúan aos depósitos e establece
máximos para os residuos admisibles.
O servizo reabre co mesmo horario de atención ao público e dotado de
medidas de seguridade.
O Concello da Estrada reabrirá este xoves as instalacións
do punto limpo municipal, localizado en Penerada, despois de teren completado unhas
intervencións de mellora e de incremento da seguridade nestas dependencias
medioambientais. Tal e como se avanzara, o recinto acolle novamente os depósitos dos
cidadáns con variacións na xestión, ao obxecto de mellorar tanto o servizo que se presta
aos veciños como o correcto tratamento medioambiental do material conducido ata
estas instalacións. De feito, xa dende o propio portal de acceso se aclara que tipo de
residuos poden depositarse e cales non, nunha primeira declaración de que o servizo
será escrupuloso no cumprimento da normativa que regula o funcionamento do punto
limpo.
O servizo abre novamente esta semana con arranxo ao mesmo horario que estas
instalacións viñan tendo antes do seu peche e do cambio de xestión. Deste xeito, os
cidadáns atoparán as súas portas abertas de 09.00 a 13.00 horas os xoves e venres e en
horario partido os sábados, de 10.00 a 13.00 e de 16.00 a 17.00.
Cómpre lembrar que estas instalacións constitúen un centro de recepción, almacenaxe,
selección e valoración dos residuos municipais que non teñen canalización de recollida
diaria nin domiciliaria. Deste xeito, o edil Óscar Durán puxo hoxe o acento en que en
ningún caso se pode pensar no punto limpo como un vertedoiro, senón como un lugar
de almacenaxe temporal dos residuos para seren, posteriormente, trasladados a outros
lugares a través de transportistas e xestores autorizados.
Só para particulares
En relación aos residuos admitidos no punto limpo consonte á normativa vixente, o
regulamento é claro: “só se admiten residuos xerados por particulares e previamente
clasificados polo usuario”. É máis, a norma especifica con suma claridade que está
prohibida a entrada de residuos de orixe industrial. “As actividades industriais deberán
xestionar os seus propios residuos a través de xestores autorizados pola Comunidade
Autónoma de Galicia”.
“Isto recólleo a lei, non é que o diga o Concello da Estrada”, puntualizou Óscar Durán.
“Non é capricho, é unha normativa que temos que cumprir”, afondou. Neste contexto, o
concelleiro explicou hoxe que o goberno local tomou a iniciativa de estudar se existe a
posibilidade de que as instalacións funcionen a xeito de operador de residuos “para
microempresas e autónomos, con un regulamento e un prezo público”. Aínda que este
escenario non se abriría, de ser posible, ata o ano que vén, Durán recoñeceu que non
existen precedentes na materia.
Antes mesmo do peche temporal destas instalacións dende o Concello detectouse unha
cantidade de escombro nestes colectores excesivamente elevada, situación que dispara
a factura que ten que abonar a administración municipal para o tratamento destes
residuos. En todo caso, a normativa establece non só como deben entregarse os
residuos admisibles no punto limpo, senón tamén as cantidades.
Cantidades máximas
Neste senso, existen depósitos que os estradenses poden efectuar de xeito ilimitado,
caso do papel e cartón, vidro e cristais varios, aceites vexetais, baterías e pilas, ferralla
(restos metálicos) e residuos de bolsa amarela. Para terras e entullos establécese un
máximo de 60 quilos en bolsas de 20 ou 25. Cada particular non poderá superar os 10
litros de aceites de motor e ata 10 unidades de aerosois.
No tocante aos electrodomésticos, admitirase unha unidade de cada dos
electrodomésticos con CFC e, para os restantes, a cantidade queda en dúas de cada tipo.
Para madeiras fíxanse depósitos máximos de 60 quilos; un quilo de pinturas, vernices ou
disolventes; un máximo de dous colchóns; tres unidades como máximo de lámpadas ou
fluorescentes; 25 quilos para plásticos domésticos; 100 para os de invernadoiros, 25
para téxtiles domésticos e un metro cúbico como máximo para os restos de podas.
Ademais, o regulamento co que dende este xoves volve funcionar o punto limpo
municipal da Estrada establece que os usuarios teñen que aportar o residuos
previamente separados para que poidan ser depositados nos contedores específicos de
cada fracción. De igual maneira, todas as entregas serán anotadas pola persoa
encargada no libro interno de rexistro, facendo constar a súa identificación completa e a
natureza dos residuos.
No recinto municipal de Penerada realizouse unha importante ordenación e
reorganización dos fondos. As obras empregáronse tamén para incorporar medidas de
seguridade, caso da instalación de cámaras e sensores de presencia.