Os préstamo dos arredor de 19.000 volumes do servizo municipal non
deixa de incrementarse nos últimos anos, cun total de 7.123 ao longo de
2024.
A Casa das Letras pechou o último ano con 1.797 usuarios, se ben as
altas veñen sendo practicamente diarias, con 256 novas no pasado
exercicio.
Na xornada na que se conmemora o Día do Libro, o
alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao Dono, quixo desprazarse a primeira hora desta mañá
ata a Casa das Letras, nome que adoptou a biblioteca municipal despois do seu traslado
ás dependencias que ocupa dende 2015 no outrora denominado Edificio José Antonio. O
rexedor aproveitou a data para interesarse de primeira man pola marcha dun servizo
que, segundo tivo ocasión de confirmar, experimenta un momento doce en lectores,
marcado polo incremento de cidadáns que fan uso do préstamo para dedicarse ao
pracer da lectura.
Louzao Dono fixo un pequeno percorrido entre os andeis repletos de libros e detívose a
falar co persoal da biblioteca e tamén con algún usuario, nun momento no que as salas
de estudo tiñan aínda unha reducida afluencia. O primeiro que atopou o alcalde na súa
visita foi a exposición das novidades bibliográficas que se amosan no recinto para
manter ben informados aos usuarios, tendo ocasión tamén de comprobar como algún
cidadán levaba á casa os tres libros que, como máximo, se autorizan a retirar xuntos en
préstamo domiciliario.
Nestes intres a biblioteca municipal da Estrada sitúase arredor dos 19.000 exemplares
nos seus fondos. As estatísticas que baralla o servizo permiten observar un marcado
crecemento dos préstamos, tendo en conta que o último exercicio completo de
referencia se pechou cun récord: 7.173. A distribución de usuarios permite apreciar que
hai canteira lectora: 3.395 préstamos para de libro infantil e 3.778 entre os adultos.
Coa lóxica paréntese dos anos máis marcados pola pandemia (2020 e 2021), o
crecemento deste servizo é constante na Estrada. De feito, de 2022 a 2024 mesmo se
duplicaron os préstamos, asentándose o mes de novembro como a mensualidade con
maior índice de peticións.
As estatísticas amosan tamén que a biblioteca pechou o 2024 con 1.797 usuarios, se ben
esta cifra non deixa de incrementarse. A primeira hora da mañá de hoxe xa se deran dúas
novas altas. Medra, tamén, o número de usuarios que fan uso do préstamo domiciliario
(70 más no último ano con respecto ao 2023). Outro dato de interese é que no último
ano houbo 256 novas altas, das que 162 foron adultos, 93 nenos e figura tamén unha
alta dunha entidade.
O horario da biblioteca municipal é amplo. Funciona cada día de 09.00 a 14.30 e de 16.00
a 21.30 horas. Os sábados o horario é de 10.00 a 13.00.