Os servizos aparecen co pé do lavabo arrincado e esnaquizado, xunto
con outros deanos na instalación de fontanería destes sanitarios.
A dependencias estrearon a súa reforma a finais de 2024, cando se
resolveu a súa apertura os mércores e nos días de actividade neste
entorno do casco urbano.
A finais de 2024 o Concello da Estrada reabría, logo
dunha importante mellora, os aseos públicos do Campo da Feira. Esta mañá os servizos
de limpeza atoparon as instalacións cunha estampa, lamentablemente, ben distinta e
resultante de actos vandálicos que se cebaron coas dependencias.
Dun xeito completamente inxustificado e sorprendente, o pé do lavabo destes aseos
apareceu completamente rebentado e feito anacos no extremo contrario das
dependencias. Os vándalos continuaron sementando danos manipulando a arrincando
algúns elementos da instalación de fontanería destes sanitarios. Os feitos foron postos
de inmediato en coñecemento dos axentes da Policía Local, que se presentou no punto
para recoller a información oportuna.
Os danos neste aseo chegaron en mércores, nunha das dúas convocatorias feirais
semanais do calendario estradense, e precisamente na que se celebra na Carballeira da
Feira. Dende o Concello condénanse enerxicamente este tipo de actitudes incívicas,
totalmente carentes de respecto polos bens e servizos comúns e afastadas de calquera
xustificación.
Na intervención programada polo Concello hai uns meses, cambiouse por completo a
cuberta destes aseos públicos e reparáronse os seus paramentos exteriores e interiores,
ademais de substituír a pechadura. O servizo ábrese sempre que hai actividade no
Campo da Feira, ben por coincidiren con xornada feiral ou ben pola celebración de
eventos nas inmediacións. O cambio na súa operatividade, tendo en conta que antes
estaba aberto as 24 horas, veu motivado polo feito de que, con relativa frecuencia, este
espazo era foco de malas prácticas.
Os do Campo da Feira non foron os únicos baños públicos da vila en experimentar o
desatino do vandalismo. Tamén as instalacións existentes na alameda municipal sufriron
en varias ocasións danos nos elementos que ofrecen para brindar aos cidadáns este
servizo de primeira necesidade. Estes aseos límpanse cada día para que poidan ofrecer a
mellor imaxe e condicións para os usuarios