Recibirá unha das insignias Salmón de Ouro da cita gastronómica por
excelencia do Concello da Estrada, que espera abrir unha nova etapa no
que será o ano 1 da súa segunda metade de século.
Con nova proposta estética e a maior implicación hostaleira en anos, a
festa sumará unha sesión de “tardeo” coa orquestra París de Noia.
Ás portas do inicio do mes do salmón na Estrada co
arranque da tempada de pesca nos cotos que o río Ulla brinda a este municipio, o alcalde
da Estrada, Gonzalo Louzao Dono, foi o encargado de dar a coñecer esta mañá o nome
da persoa que se encargará de pregoar a LI Festa do Salmón, o evento gastronómico por
excelencia destas terras. O elixido para unha edición que se concibe como “moi
especial”, tendo en conta que abre unha nova etapa -será o ano 1 da segunda metade de
século desta festa-, foi o actor, humorista, produtor e director Xosé Antonio Touriñán.
Convertido nun dos rostros máis coñecidos e queridos da industria audiovisual galega,
Touriñán ten a comedia como sinal de identidade. Comezou como cómico no ano 2002,
co dúo Os dous de sempre. Foi en 2005 cando iniciou a súa carreira na Televisión de
Galicia, como integrante de Cantareiras de Ardebullo, dentro do programa Luar. Dende
entón, a súa popularidade medrou de xeito acompasado aos seus traballos, con
programas na televisión pública autonómica como Land Rober, Padre Casares, Era Visto
ou Catro Gatos.
Pero o pregoeiro do Salmón tamén é un home de cine. Cuñados, +Cuñados ou Amigos
hasta la muerte son algúns dos filmes nos que traballa, interpretando distintas
personaxes en series como Fariña, Pequeñas coincidencias, El desorden que dejas, Sin
Límites, Atasco ou Clanes. Colleitou moito éxito de público no seu espectáculo xunto a
Carlos Blanco ou con David Perdomo. Xosé Antonio Touriñán é tamén monologuista e
director. En 2022 dirixiu a súa primera curtametraxe, Nena.
En calidade de pregoeiro, Xosé A. Touriñán será tamén un dos homenaxeados coa
insignia Salmón de Ouro, se ben o alcalde evitou desvelar hoxe o nome das demais
persoas ou entidades que foron escollidas para recibir este recoñecemento público
neste ano. O actor pronunciará o pregón na parte máis institucional da Festa do Salmón,
ao mediodía do vindeiro domingo 18 de maio. “É un dos actores máis queridos de
Galicia, cunha gran traxectoria a prol da cultura galega, e queremos que estea presente
coma unha das caras desta nova etapa da Festa do Salmón”, apuntou o alcalde.
“Buscamos tamén unha persoa moi coñecida para mediatizar un evento dos
importantes que vai ter Galicia esa fin de semana”, recoñeceu o rexedor, que fixo
fincapé en que Touriñán “é unha persoa moi querida” e “un actor con moitísimo
talento”.
Nova proposta escénica e maior implicación
A Festa do Salmón terá este ano unha nova proposta escénica. O evento regresa aos pés
do consistorio estradense, programándose a degustación do prato protagonista baixo
unha carpa de gran formato na Praza da Constitución. A idea é mellorar a accesibilidade
do evento, facilitando tamén unha maior comodidade para todos os asistentes e
achegando o escenario desta parte central da festa ao que ocupa a súa vertente máis
institucional: o pregón e entrega das insignias Salmón de Ouro, no Teatro Principal.
Neste senso, o alcalde da Estrada puxo o acento en que a presente edición da festa é
tamén unha das que desperta maior implicación da hostalería local na última década.
Unha ducia de restauradores teñen xa concretada a súa participación con diferentes
propostas culinarias a base de salmón. O formato da degustación verá mellorada a súa
estética, cun prezo por ración de 4 euros.
Para favorecer a participación na degustación popular e contribuír a minimizar as colas,
a festa contará con venta anticipada das racións nos locais participantes. Nestes tíckets
non se establecerá o nome do establecemento, podendo ser entregado en calquera dos
que ese domingo oferten as súas racións de salmón.
París de Noia
Louzao Dono indicou tamén que ese mesmo domingo, ás 20.00 horas e na Praza de
Galicia, actuará París de Noia, unha das grandes orquestras de Galicia. Será nunha sesión
de “tardeo” que busca conferir “outro atractivo para continuar unha gran festa
gastronómica e conseguir que a xente veña á Estrada todo o día, consuma na rede de
establecementos locais e chegue ata a noite desfrutando desta festa”.
Pero antes de degustar o salmón na Estrada o 18 de maio haberá ocasión de ir abrindo
boca. Desta volta, as xornadas de tapeo de salmón fixaranse a fin de semana anterior á
festa, concretamente os días 9, 10 e 11 de maio. A reunión deste mércores serviu para
aproximar xa unha cifra de establecementos participantes. Serán 22, con prezo das
tapas a 3 euros.