O departamento municipal de Emprego brinda os seus servizos aos
interesados, que poden solicitar as axudas dende o 8 de maio e por
espazo de dous meses.
Inclúen obras como o cambio de fachadas ou de ventás en vivenda
unifamiliar ou pertencentes a inmobles plurifamiliares.
O importe da subvención será do 40% do custe da actuación, cun
máximo de 3.000 euros.
O departamento de Emprego do Concello da Estrada
brindou hoxe o seu asesoramento e servizo informativo aos interesados en realizar a
tramitación administrativa e presentación da solicitude de subvención do programa de
axudas que acaba de convocar a Xunta de Galicia para actuacións de mellora de
eficiencia enerxética en vivendas unifamiliares, no marco do Plan de recuperación,
transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, para o
ano 2025.
Poderán ser beneficiarias das axudas as persoas físicas propietarias, usufrutuarias ou
arrendatarias de vivendas, sempre que constitúan o seu domicilio habitual e
permanente no momento de solicitar a axuda. Esta circunstancia acreditarase mediante
certificación ou volante de empadroamento.
Son actuacións subvencionables aquelas que se realicen en vivendas individuais, xa
sexan unifamiliares ou pertencentes a edificios plurifamiliares, nas cales se consiga unha
redución da demanda enerxética anual global de calefacción e refrixeración de, polo
menos, o 7 % ou unha redución do consumo de enerxía primaria non renovable de, polo
menos, un 30 %. Tamén se considerarán subvencionables as actuacións de modificación
ou substitución de elementos construtivos da envolvente térmica.
O importe da subvención será do 40% do custe de actuacións, cun límite de 3.000 euros
por vivenda. O custo mínimo da actuación terá que ser igual ou superior a 1.000 euros
por inmoble. Atendendo ao avanzado, as subvencións abranguerían actuacións como o
cambio de fachadas ou fiestras.
As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do
formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.
xunta.gal. No modelo de solicitude constan como de obrigada consignación os seguintes
campos: os datos da vivenda onde se realizan as actuacións de mellora de eficiencia
enerxética, a referencia catastral, os datos dos certificados de eficiencia enerxética no
seu estado actual e o previsto tras a realización das actuacións, o investimento total, o
custo subvencionable, a contía da axuda solicitada, así como a anualidade prevista de
finalización da execución.
O prazo de presentación de solicitudes será de dous meses, abríndose o prazo o xoves 8.
Para axudar aos interesados neste proceso, o departamento de Traballo está aberto de
xeito presencial, sen necesidade de cita previa, de 09.00 a 14.00 horas. O seu teléfono de
información é o 986 677 740.