Pechou hoxe un dos dous módulos que imparte este ano ao abeiro dos
cursos financiados pola Xunta a través da Consellería de Traballo
O novo curso, que chegará ao 18 de setembro, terá 80 horas de prácticas
en empresas. Aínda quedan seis prazas libres.
A Fundación Cultural da Estrada pechou este mediodía a
primeira das dúas actividades formativas con certificación de profesionalidade que está
impartindo ao abeiro da súa colaboración coa Consellería de Traballo para o período
2024-2025. A concelleira de Traballo, Lucía Seoane, despediu aos participantes que
completaron as máis de 400 horas lectivas do curso de Operacións de auxiliar de
funcións administrativas e xerais.
A Fundación Cultural emprenderá xa de seguido, concretamente o vindeiro 16 de maio,
outro módulo formativo, neste caso o de Operacións de gravación de datos e
documentos, para o que aínda quedan seis prazas libres. Serán tamén 440 horas de
formación, con 80 horas de prácticas en empresas. Deste xeito, a formación
prolongarase ata o 18 de setembro.
As persoas que realicen o curso recibirán un certificado de profesionalidade outorgado
pola Xunta de Galicia. Trátase dun curso completamente gratuíto, con horario de 09.00 a
14.00 horas. Non require estudos mínimos e os interesados en cubrir as prazas que aínda
quedan vacantes poden achegarse ata as instalacións da Fundación Cultural ou ben
chamar por teléfono ao 986 570 997.







































