A edición 50+1 da festa gastronómica por excelencia da Estrada contará
coa imposición de catro destas insignias, no canto das tres habituais.
A parte máis institucional da festa, que inclúe o pregón, arrancará o 18
de maio ás 12.00 horas, no Teatro Principal, máis achegada este ano ao
recinto da degustación popular.
Cando falta unha semana para que A Estrada viva o día
grande da súa Festa do Salmón, o Concello deu a coñecer o nome das persoas e
entidades que recibirán, nun ano que aspira a marcar unha nova etapa da festa
gastronómica por excelencia do municipio, o recoñecemento que acompaña á insignia
Salmón de Ouro. Na edición “50+1” súmase un novo Salmón de Ouro á nómina habitual,
de xeito que serán catro as imposicións, no canto das tres habituais.
O primeiro, como marca a tradición, será para o pregoeiro, o actor e humorista Xosé
Antonio Touriñán. Ou outros tres corresponderanlle ao CD Estradense, á catedrática de
Pediatría, doutora e investigadora estradense Rosaura Leis Trabazo e ao Centro Cultural
del Partido de La Estrada en Bos Aires (Arxentina).
• Xosé Antonio Touriñán é actor, humorista, produtor e director. Convertido nun
dos rostros máis coñecidos e queridos da industria audiovisual galega, ten a
comedia como sinal de identidade. Comezou como cómico no ano 2002, co dúo
Os dous de sempre. En 2005 iniciou a súa carreira na Televisión de Galicia, como
integrante de Cantareiras de Ardebullo, dentro do programa Luar. Dende entón,
a súa popularidade medrou de xeito acompasado aos seus traballos, con
programas na televisión pública autonómica como Land Rober, Padre Casares,
Era Visto ou Catro Gatos.
O pregoeiro do Salmón tamén é un home de cine. Cuñados, +Cuñados ou Amigos
hasta la muerte son algúns dos filmes nos que traballa, interpretando distintas
personaxes en series como Fariña, Pequeñas coincidencias, El desorden que
dejas, Sin Límites, Atasco ou Clanes. En 2022 dirixiu a súa primeira curtametraxe,
Nena e colleita numerosos éxitos como monologuista.
• O CD Estradense celebra este ano o seu centenario como formación deportiva de
referencia para A Estrada. Foi fundado no ano 1925 por Emilio Velasco García,
comandante do Batallón de Reserva da Estrada e primeiro presidente do Club, e
mais o empresario Jesús Durán Taboada. Cen anos despois, está presidido por
Toño Camba.
A formación xogou o seu primeiro partido en Caldas de Reis o 31 de maio de 1925
contra un equipo de Padrón, con vitoria para o Estradense. Xa dende entón os
xogadores vestían camisa vermella. Logo de varios anos en Primeira e Segunda
Rexional, acadou o ascenso a Rexional Preferente en 1988 e, tres anos máis
tarde, ascendeu a Terceira División, onde se mantivo sete tempadas. Nunha
delas logrouse a clasificación para xogar a Copa do Rei de Fútbol. O Club vén de
presentar nos últimos días ao documental que repasa a súa historia, “Un legado
de cen anos” e vive un momento deportivo moi doce.
• María Rosaura Leis Trabazo: Nacida na Estrada, é Catedrática de Pediatría na
Universidade de Santiago de Compostela, cunha dilatada e laureada traxectoria
profesional. É coordinadora da Unidade de Gastroenteroloxía e Nutrición
Pediátrica do Hospital Clínico de Santiago de Compostela, presidenta da
Fundación Española de la Nutrición (FEN), coordinadora do Comité de Nutrición y
Lactancia Materna da Asociación Española de Pediatría (AEP) e presidenta da
Sociedad Española de Investigación en Nutrición y Alimentación Pediátrica
(SEINAP), entre outros cargos. É tamén investigadora e coordinadora de grupos
de investigación, como do Comité Científico da Fundación Dieta Atlántica ou os
centrados na prevención da obesidade infantil, entre outros moitos.
• Centro Cultural del Partido de La Estrada en Bos Aires. Naceu como resultado da
fusión entre a Unión Estradense e a Federación Agraria de La Estrada, as dúas do
ano 1915. No ano 1943 aprobouse o nome da nova sociedade: Centro Cultural
del Partido de La Estrada, sendo Francisco Porto o seu primeiro presidente.
Constrúe as súas instalacións tras adquisición dun campo de recreo en 1953,
aportando cada membro da comisión e socio o valor de compra dun metro de
terra. No ano 1974 vende a súas dependencias e reconstrúe unha vella casona na
que será a súa sede actual, na Calle México. Con corpo de baile propio e a edición
da revista cultura El Estradense durante anos, no ao 1983 co centro foi visitado
por primeira vez pola Banda de Música Municipal da Estrada. Ten preparada para
o 25 de maio a súa Festa do Salmón.
Xunto co pregón, a entrega das insignias Salmón de Ouro ocupará a parte máis
institucional da LI Festa do Salmón. O día grande da celebración o programa arrancará ás
11.00 horas coa inauguración da III Expo BAE na Sala Abanca da Estrada, con preto dunha
trintena de árbores. O pregón que pronunciará Touriñán chegará xa ás 12.00 horas, no
Teatro Principal. De seguido, dentro deste mesmo espazo, imporanse os Salmóns de
Ouro 2025.
En paralelo, ás 12.30 está programado teatro infantil coa obra “Castelao, un corazón á
intemperie”, da compañía Fantoches Baj. Será fronte á sala Abanca, trasladándose á
Casa das Letras en caso de choiva.
Ás 13.00 horas será o momento de inicio da degustación popular na carpa da Praza da
Constitución. Media hora despois, estará amenizada polo concerto da BigBand Carlos
Barruso. Xa pola tarde, continuará a exposición de bonsái na Sala Abanca (17.00 horas).
Ás 19.00 a Coral Polifónica Estradense ofrecerá un concerto xunto á Coral Polifónica de
Entenza (Salceda de Caselas) no Teatro Principal.
A xornada de festa rematará con música, desta volta coa actuación da orquestra París de
Noia na Praza de Galicia, dende as 20.00.







































