O alcalde e o deputado Javier Tourís realizan unha xira de visitas para
comprobar o resultado de obras feitas coa trintena de subvencións
concedidas en 2024
Neste 2025 presentáronse unhas 60 solicitudes de achega, medio cento
polo programa de acción comunitaria e unha decena polo Plan +Aqua.
Tourís felicita ao Concello por poñer os seus técnicos a disposición das
asociacións para que acaden estes fondos: “Así son os resultados, o ano
pasado A Estrada foi o Concello de Pontevedra que tivo máis
subvencións e este ano vai polo mesmo camiño
“Fomos o Concello con máis asociacións beneficiadas
no 2024 e ímolo superar no 2025”, resumiu esta mañá o alcalde da Estrada, Gonzalo
Louzao Dono. O xefe do executivo local iniciou a primeira hora e na parroquia de Santa
Mariña de Barcala unha xira de visitas por unha decena de locais veciñais e de
asociacións de mulleres rurais arranxados grazas á liña de axudas que impulsou o ano
pasado a Deputación de Pontevedra. O rexedor estivo en todas elas acompañado polo
deputado Javier Tourís, que confirmou tamén a elevada concorrencia da convocatoria
correspondente a este 2025.
“Estou encantado de pasar hoxe por aquí o día co alcalde e só me queda darlle os
parabéns por esta labor que está facendo polo asociacionismo, sobre todo porque é un
modelo a seguir”, dixo Tourís. De seguido, eloxiou publicamente que o mandatario
decidise poñer “todos os técnicos do Concello a disposición das asociacións”. “É algo moi
importante e así son os resultados: o ano pasado A Estrada foi o Concello da provincia de
Pontevedra que tivo máis subvencións e este ano vai polo mesmo camiño, porque temos
máis de 50 asociacións no programa de acción comunitaria e 10 no Plan +Aqua”, sinalou.
“Son máis de 60 solicitudes de subvención que falan do dinamismo do Concello da
Estrada e de todo o movemento asociativo”, engadiu o deputado provincial.
Louzao e Tourís quixeron comprobar nestas visitas o impacto do investimento realizado
no último ano, coñecendo de primeira man o resultado das obras de acondicionamento
e equipamento que posibilitaron estas axudas. En 2024 pediron estas achegas para
mellora dos seus locais a Asociación de Veciños e Cultural Isaac Quenqueirades de
Callobre, la Asociación de Veciños San Xorxe de Cereixo, Asociación de Veciños San
Breixo de Lamas, Asociación de Veciños Santa Mariña de Barcala, Asociación de Mulleres
Rurais Consumidoras e Culturais Andrés de Vea, Asociación de Veciños Fonte do Santo
de San Xurxo de Vea, Asociación de Mulleres Rurais de Baloira, Asociación de Veciños
San Pedro de Ancorados, Asociación de Mulleres Rurais e Fátima, Asociación de Mulleres
Rurais San Xoán de Santeles, Asociación de Veciños Amigos do Castro de Barbude,
Asociación de Veciños Santa Apolonia de Guimarei, Asociación de Veciñas e Veciños da
Parroquia de Orazo, Asociación de Veciños de Tabeirós, Asociación de Mulleres Rurais
de Lagartóns, Asociación de Veciños de Arca, Asociación de Mulleres Rurais As
Bugineiras de Nigoi, Asociación de Mulleres Rurais Santa Clara de Ancorados, Asociación
de Veciños de Santa Cristina de Vea, Asociación de Veciños Santa Eulalia de Matalobos,
Asociación Veciñal Santa Mariña de Ribeira, Asociación de Veciños O Rueiro, Asociación
de Veciños da Parroquia de Paradela e Asociación de Veciños Pouso-Carril.
A maiores, figuran tamén colectivos que solicitaron fondos para mobiliario ou
equipamento: Asociación de Mulleres Rurais San Xulián de Arnois, Asociación de Veciños
Entreveas, Asociación de Mulleres Rurais A Torre da Barreira de Riobó, Asociación de
Veciños San Lois de Orazo e Asociación de Mulleres Rurais Os Muíños de Curantes.
Media de 10.000 euros
No pasado exercicio a achega maioritaria foi de 10.000 euros por asociación, de xeito
que a Deputación destinou á Estrada arredor de 300.000 euros dentro destes programas
que potencian o asociacionismo.
“Estou encantado de como nos recibe a xente e de ver o importante que son esas obras
e eses subministros para as actividades do día a día das asociacións. Houbo un par delas
que me dixeron que onte domingo estiveron toda a tarde máis de 20 persoas nun local
confortable”, subliñou Javier Tourís, facendo fincapé na importancia de que se
empreguen a dinamicen os locais sociais. “Fai oito anos que non se daban estas
subvencións na Deputación de Pontevedra e foi o goberno encabezado por Luís López o
que as recuperou, lembrou.
Os veciños priorizan e escollen
O alcalde sinalou que as obras correspondentes a 2024 permitiron “melloras moi
importantes” en accesibilidade, eficiencia enerxética, calefacción, mobiliario, pintura,
ventás ou espazos como as cociñas. Lembrou que son obras que “priorizan e escollen” os
mesmos veciños. “Esta liña anual continuará e o Concello seguirá implicándose para ser
un aliado e que se cumpran as prioridades dos veciños”, apuntou. Gonzalo Louzao
agradeceu a visita de Javier Tourís e desexou que os resultados que tiveron ocasión de
comprobar hoxe sirvan de exemplo que inspire a outras asociacións a facer que estas
obras cheguen “aos locais das 51 parroquias e de todas os seus colectivos”







































