Vén detectando depósitos continuados de entullo e mobles preto da
instalación medioambiental, no espazo do antigo matadoiro, que estima
vencellados coa actividade empresarial.
O Concello ponse a disposición dos interesados para explicar o
funcionamento do punto limpo e facilitar a autónomos e pequenos
empresarios contactos para a xestión dos seus residuos, que non poden
depositarse en Penerada.
Lembra que estes vertidos son ilegais e que poden levar parellas sancións
de ata 30.000 euros.
O edil estradense de Servizos Municipais, Óscar Durán,
trasladou esta mañá a preocupación do goberno local despois de teren detectado que se
veñen producindo de xeito reiterado vertidos incontrolados nas inmediacións do punto
limpo de Penerada, unha situación que o concelleiro datou despois dos cambios
introducidos -en aplicación da normativa vixente- no funcionamento da propia
instalación medioambiental. Cómpre lembrar que dende a súa reapertura, tras obras de
mellora e cambio na xestión, estase limitando rigorosamente o uso destas dependencias
a residuos xerados no ámbito domiciliario, tal e como establece a lei, sen recoller os
xerados na actividade industrial.
Durán apuntou que se veñen producindo nos últimos días vertidos ilegais preto do punto
limpo, nas inmediacións de antigo matadoiro comarcal, principalmente consistentes en
entullos e restos de mobiliario, que se sospeitan vencellados ao seu depósito por parte
de pequenos empresarios que agora non atopan no punto limpo a recollida á que antes
se acollían.
Ante esta situación, o Concello da Estrada lembra a obrigatoriedade de autónomos e
pequenos empresarios de xestionar pola súa conta os residuos que xera a súa
actividade. A administración local,e concretamente o referido concelleiro, ponse ao
servizo dos interesados para explicarlles o funcionamento da instalación de Penerada e
para facilitar contactos empresariais para a correcta evacuación deste material, tal e
como se fixo hai uns días coa Asociación de Fabricantes e Comerciantes de Mobles da
Estrada para a retirada de colchóns usados.
Neste contexto, Óscar Durán puxo o acento en que xerar puntos de vertido é algo que
non se pode consentir e que, ademais, pode derivar en sancións económicas que chegan
aos 30.000 euros.
O Concello ten previsto contactar co Servizo de Protección á Natureza (Seprona) da
Garda Civil para pedir que reforcen a vixilancia neste entorno, algo que tamén se fará
coas patrullas da Policía Local. Advertiu o concelleiro que, se se abre algún expediente
por este tipo de infraccións, será tramitado directamente con Medio Ambiente para que
adopte as medidas oportunas.







































