BNG reclama unha solución definitiva que arranxe os problemas estruturais do vial do Souto de Vea

O portavoz municipal do BNG, Xoán Reices, arremete contra o goberno municipal do PP polo constante abandono do vial do Souto de Vea.

«O estado actual deste vial é lamentábel, rozando o delitivo», afirma o concelleiro nacionalista, «é criminal ter un vial nesa situación polo que pasan centos de vehículos todos os días, veciños e veciñas do noso concello, así como doutros concellos que obrigatoriamente teñen que pasar por aquí para ir a Cuntis, Moraña, Caldas e mesmo Pontevedra».

O concelleiro reclamou unha solución definitiva. «Levamos reclamando solucións aos problemas crónicos deste tramo do Souto de Vea desde 2020, e a día de hoxe, a única solución que dá o goberno do PP é parchear, unha solución que se demostrou inservíbel para os problemas estruturais deste vial». «Os veciños e veciñas do Souto de Vea están fartas deste desleixo e abandono», afirma Reices, «xa non valen parches, hai que buscar solucións definitivas que dean estabilidade a este vial, polo que insisto, pasan centos de coches todos os días, centos».

«Por outra parte», engade o concelleiro do BNG, «tamén reclamamos o pintado do vial; estamos falando dun vial semi-urbano que a día de hoxe o único paso de peóns existente neste tramos está borrado literalmente, así como as liñas que delimitan os carrís e as zonas de aparcadoiro». «Isto é desastroso e abandonado polo goberno do PP», afirma.
Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.