O alcalde, Gonzalo Louzao, sinala que ese é o obxectivo da carpa de gran
formato que se instala aos pés do consistorio e que agora se encherá con
propostas culturais para todas as idades.
Unha decena de convocatorias dinamizarán cultural e socialmente a
capital estradense neste espazo entre a festa gastronómica e o evento
sidreiro.
“Neste intre non hai competencia, é o noso momento”, sinala Louzao,
apuntando ao momento temporal idóneo desta programación.
A carpa de gran formato que se está a montar estes días
na Praza da Constitución, ao pé do consistorio estradense, chama a atención dos
cidadáns. Certo é que se trata da máis alta e ampla das instaladas ata o de agora, pero
tamén é verdade que o seu cometido non será unicamente o de acoller, este domingo,
unha importante edición da Festa do Salmón. “É un mes de escaparate para A Estrada”,
sintetizou hoxe o alcalde, Gonzalo Louzao Dono. E é que, entre o Salmón e a Feira da
Sidra, este será o espazo no que se cite cada fin de semana a veciños e foráneos para
gozar dunha oferta cultural pensada a pé de rúa e en todas as idades.
“É un mes de escaparate para que vendamos os 12 meses do ano”, incidiu o rexedor,
convencido de que crear no espazo público este punto de confluencia e dinamización
pode ter un efecto de tracción para a actividade comercial e hostaleira da vila, animando
tamén a moitos residentes noutros municipios a achegarse ata A Estrada para sumarse á
súa oferta cultural e económica.
“Neste intre non hai competencia. É o noso momento”, continuou o mandatario,
sinalando que ao longo dos meses de outono e inverno o Teatro Principal funciona como
catalizador da actividade cultural e que son as festas as que dinamizan, dentro e fóra do
ámbito estradense, a actividade lúdica do verán. Incidiu en que este período intermedio
é polo que aposta A Estrada baixo esta gran carpa, empregando como punto de partida e
de chegada dous eventos tan consolidados entre o público como a Festa do Salmón e a
Feira da Sidra.
A través dunha carpa de 35×20 metros, a maior das instaladas ata o de agora na Praza da
Constitución, o Concello aposta este ano por aproveitar o ano 1 da segunda metade de
século da Festa do Salmón para que o evento gastronómico por excelencia da Estrada
regrese a este enclave urbano, logo duns anos celebrándose no Novo Mercado e seu
entorno, para gañar en accesibilidade, comodidade e proximidade ao Teatro Principal,
onde se localiza a vertente institucional da festa.
Pero será xa mañá venres, 16 de maio, cando se estree a carpa como espazo de
dinamización cultural e social. A partires deste momento, serán unha decena de eventos
os que se desenvolvan ao seu abrigo ata o vindeiro 7 de xuño, cando sidrerías nacionais e
internacionais escancien os caldos da tempada neste recinto.
• 16 de maio: Concerto de Roi Casal. Ás 22.00 horas, o músico presentará o seu
espectáculo “Ambos mundos”, que recompila algúns dos seus temas máis
famosos combinados coas súas últimas creacións.
• 17 de maio: Concerto de Treixadura, co seu estilo propio de espectáculo, no que
a música tradicional é observada dende dúas concepcións ben arraigadas: o
canto e a gaita.
• 18 de maio: LI Festa do Salmón. A carpa acollerá o evento central da festa
gastronómica, coa degustación popular do salmón dende as 13.00 horas e
concerto da BigBand Carlos Barruso dende as 13.30.
• 24 de maio: Latexo Fest, un festival especialmente pesando para a xuventude.
Arrancará ás 22.00 horas e chegará ás tres da madrugada. Entrada libre e
gratuíta. Cartel con Vilu Gontero, Carlos López, Goove Amigos, Telmo e Pedro VR
• 25 de maio: Primeira edición do Festival de Bandas da Estrada, cita impulsada
pola Banda de Música Municipal da Estrada. Será ás 18.30 horas e contará coa
participación da Banda de Música Municipal da Estrada, Banda de Música
Cultural da Estrada e Banda e Música de Vilatuxe (Lalín). Será unha homenaxe ao
músico Manuel Vilariño.
• 31 de maio. Orballo Cultural, cun concerto ás 22.00 horas.
• 1 de xuño: Arrieiriños, un evento que pensa de xeito especial e no público
familiar, pero que tamén incluirá á noite un concerto que, de seguro, será moi
ben acollido por público adulto.
• 7 de xuño: Feira da Sidra. Un dos eventos máis agardados do calendario
estradense, que se presentará ao público nos vindeiros días e que promete unha
elevada participación de lagares estradenses, galegos, de distintas comunidades
do país e tamén internacionais. Como todos os anos, a degustación das súas
sidras estará acompañada de actividade cultural.
“Serán actividades que nos fagan saír á rúa agora que os días medraron e o tempo
acompaña”, augurou o alcalde da Estrada. Gonzalo Louzao fixo fincapé é que foi este un
programa “con calidade e deseñado pensando en todos”. “Reforza as nosas festas e a
actividade económica da vila neses días”, sinalou, destacando que supón sumar
sinerxías entre o sector público e o privado.







































