O Concello da Estrada continúa coa súa campaña “A
Estrada Recicla”, de información e sensibilización sobre a importancia de que os
cidadáns teñan un extenso coñecemento do lixo que se ten que depositar en cada
contedor, de maneira que se poida reducir a porcentaxe de impropios que se arroxa a
cada un deles. Despois dunha primeira parada a pé de rúa, o material divulgativo e as
charlas de concienciación chegaron tamén aos sectores máis novos da sociedade
estradense a través de actividades nos centros educativos. Os primeiros foron o CEIP O
Foxo, o CEIP Cabada Vázquez de Codeseda eo CEIP Manuel Villar Paramá (Vea).
Dentro da calendarización deseñada, estas xornadas volverán este mércores á zona
peonil do casco urbano, aproveitando a xornada de feira, e o material informativo
chegará tamén o sábado ao entorno do Novo Mercado. A intención do Concello é que
estas sesións recalen tamén en novos centros educativos e nas parroquias, contando
asemade cunha xornada no casco urbano coa participación de diferentes colectivos.
A través dunha posta en escena moi visual e coidada, os veciños reciben nesta campaña
información de primeira man sobre o funcionamento de cada un dos colectores da
recollida selectiva, sobre o punto limpo e tamén sobre a implantación do chamado
quinto contedor, o de cor marrón que se destinará especificamente aos residuos
orgánicos.
O Concello da Estrada mobiliza cada día 20.000 quilogramos de lixo ata a planta de
Sogama en Cerceda, o que equivale a unha media dun quilo por veciño e día. Neste
volume estímase todo o arroxado aos colectores, coa excepción dos iglús destinados ao
vidro. O obxectivo que se marca o goberno con esta campaña de concienciación é
reducir o actual 50% de impropios, tentando rebaixalo ao 20%.
A CAMPAÑA DE INFORMACIÓN E SENSIBILIZACIÓN “A ESTRADARECICLA” CHEGA AOS CENTROS EDUCATIVOS
Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.







































