Os interesados teñen que realizar previamente o trámite no Rexistro e
recoller o permiso na Alcaldía.
Cada ano autorízanse na Estrada entre 100 e 120 lumeiros.
Os solicitantes asumen unha serie de condicións para esta práctica e
responsabilízanse dos danos que a fogueira poida ocasionar.
O Concello da Estrada está xa recibindo as solicitudes de
autorización para a realización de fogueiras na noite do vindeiro 23 de xuño, con motivo
da festividade de San Xoán. Foron xa varios os veciños que se achegaron ata o
consistorio para realizar o trámite oportuno e obter este permiso extraordinario que a
administración municipal pode expedir exclusivamente para esa xornada, atendendo a
que as competencias nesta materia corresponden á Xunta de Galicia e a que
actualmente están suspendidos os permisos de queima.
Os interesados en recibir este visto bo para os seus tradicionais lumeiros poden cursar a
petición antes do 20 de xuño. Terán que acudir ao Rexistro do Concello da Estrada,
emprazado na planta baixa do consistorio, para cubrir e entregar a correspondente
instancia. Realizado o trámite, a autorización entregarase na Alcaldía (segundo andar).
Cómpre aclarar que os permisos cinguiranse exclusivamente á noite do luns 23 de xuño,
noite de San Xoán, e que a autorización comporta a asunción dunha serie de pautas,
sendo sempre o solicitante o responsable dos danos e prexuízos que a fogueira puidese
ocasionar.
Deste xeito, se a fogueira se realiza en terreos públicos asfaltados, lousados ou pintados,
deberá protexerse o pavimento cunha capa de area en toda a superficie da cacharela.
Nela só se deben queimar elementos madeirables ou vexetais, absténdose da queima de
plásticos, cauchos ou outros materiais inflamables e contaminantes.
Asemade, os encargados de realizar as fogueiras deberán coidar que ao remate das
mesmas o lugar quede en perfecto estado de limpeza. A distancia destas ás casas terá
que ser, cando menos, de 50 metros, distancia que tamén debe asegurarse con respecto
a tendidos eléctricos ou telefónicos.
Evitarase usar nas fogueiras materias que co vento poidan provocar un incendio e
deberán delimitar realizándoas nun burato, con pedras ou nunha pequena gabia. Tamén
por mor da seguridade, non ser farán moreas dunha altura excesivamente elevada e
disporase no lugar dun sistema de extinción de incendios.
A cacharela terá que estar vixiada polos solicitantes ata a súa total extinción, que deberá
ser asegurada empapando os restos totalmente con auga ou cuberta con terra.
Cada ano o Concello da Estrada concede unha media de entre 100 e 120 permisos para a
realización de fogueiras na noite de San Xoán.