A organización tivo que recorrer a unha partida duns 500 vasos doutras
edicións para cubrir a venta para a degustación en horario de tarde.
A Praza da Constitución encheuse cun certame que respondeu con éxito
aos cambios de deseño.
A dobre barra central permitiu que a degustación gañase en axilidade.
Os cálculos da organización apuntan a uns 4.000 litros de sidra
escanciados.
A Estrada viviu hoxe unha Feira da Sidra que bateu todas
as marcas. Foi unha edición de récord, non só no número de lagares presentes nesta
condolidada mostra, senón tamén en asistentes. O tirón do evento que axuda a
converter ao municipio estradense na capital galega da mazá e da sidra subiu o nivel e xa
na xornada de mañá quedaban moi poucos dos 4.000 vasos conmemorativos postos a
disposición do público para a cata dos 25 caldos que finalmente puideron saborearse na
degustación.
A feira arrancou na Praza da Constitución ás 12.00 horas. Tan só 20 minutos despois xa
se ían vendidos 3.000 vasos, cifra á que axudou o feito de que este ano a venta
anticipada funcionase mellor que na edición anterior e superase o 40% dos vasos de
degustación vendidos. Con maior celeridade que outros anos, aproveitando unhas
condicións meteorolóxicas idóneas para esta celebración, a carpa de gran formato -que
xa se despide do amplo espazo urbano aos pés dos consistorio- quedou pequena para
acoller a todos os veciños e visitantes que secundaron esta cita. Como sucedera coa
Festa do Salmón, todo o entorno do consistorio e da alameda municipal encheuse de
xente desexosa de saborear a sidra de xeito distendido, gozando do bo ambiente que se
creou.
Ao fío das 12.30 horas, o alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao Dono, e integrantes do seu
goberno acudiron a recibir ás primeiras autoridades que se foron achegando á Feira da
Sidra, comezando pola conselleira de Medio Rural, María José Gómez, e o titular de
Cultura, Lingua e Xuventude, o estradense José López Campos. A eles uníronse o director
xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, o director
territorial Antonio Crespo, a directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, o secretario
xeral da Lingua, Valentín García, ou o europdeputado Adrián Váquez, entre outros. Máis
tarde sumouse á comitiva o conselleiro de Educación, Román Rodríguez.
Fluidez nas novas barras
A nova disposición do recinto permitiu que a degustación gañase en fluidez e axilidade.
Cómpre lembrar que este ano unha das principais novidades na montaxe foi a
instalación de dúas barras centrais, no canto dunha. Pasouse de 60 a 90 metros de zona
para a degustación da sidra. O que se buscou foi favorecer a circulación do público entre
os postos dos diferentes lagares. As sidras internacionais estiveron agrupadas nunha das
dúas barras, concentrándose na outra as sidras de orixe galego. O produto procedente
dos demais puntos da xeografía nacional foise dispondo entre ámbalas dúas barras.
A organización, a cargo do Concello da Estrada e da Asociación Maceira e Sidra, habilitou
este ano un maior número de mesas, dispondo mesas e cadeiras de uso preferente porparte de maiores e nenos, ao obxecto de que a Feira da Sidra sexa un evento do que
poidan gozar cidadáns de todas as idades.
Como estaba anunciado, a degustación realizouse en dúas quendas. A primeira, de 12.00
a 15.00 horas, estivo ambientada por Os Bregadiers e Señora DJ. O éxito da venta fixo
que a organización tivera que tirar da partida de vasos doutras edicións para cubrir a
demanda en horario de tarde, unha cuestión que xa estaba prevista. Calcúlase a
distribución de arredor de 4.500 vasos.
De cinco países
O prezo dos vasos foi o mesmo que na edición anterior: 7 euros. Este pago daba acceso a
degustar ilimitadamente os caldos que ofreceron os 24 lagares participantes (de cinco
países: Francia, República Checa, Letonia, Portugal e España), aos que finalmente se
sumou unha sidra máis, a gañadora da Cider World 2025 de Frankfuert, se ben só se
dispuxo para e venta en botellas.
Concretamente, este ano a Feira da Sidra contou coa presenza das sidrerías Bereziartua,
Astarbe, Somarroza, Carral, Kuartango, Solleiro, Cabueñes, Pago de Tolina, Sidra del
Agüelo, Alfa, Celta Endovelico (Kerné Fuité e La Ferme de Billy), Cider Talk, Mr Plume,
Maeloc, Andaina PSM, Sidra Salvaje, Val de Traba, Sidra Raia, Lagar de Ribela, Peroja,
Camino, López Pampín e Rabiosa. Entre todas escanciaron hoxe arredor de 4.000 litros.
A degustación da hostalería resultou tamén un éxito, se ben se limitou á xornada de
mañá. Tamén con venta anticipada, serviron tapas e racións durante toda a mañá os
establecementos Malo Será, A Casa do Pan, O Candil de Silvia, Velis Nolis, Río Liñares, A
Fogaza, O Lar, A Artesa, A Riala e A Lacena de Chucha.
Xa en horario de tarde, o alcalde estradense sumouse á entrega do Grolo de Ouro, que
neste 2025 recaeu na organización Sidraturismo Asturias, representada hoxe na Estrada
por Lorena Alonso. A galardoada é unha asociación que ten como obxectivo combinar os
sectores sidreiro e turístico, de xeito que se difunda a sidra e a sidricultura á vez que se
xera un recurso turístico diferenciador. Maceira e Sidra da Estrada escolleu este Grolo de
Ouro nun momento no que tamén o municipio e o sector estradense está
incrementando a aposta pola vertente turística da mazá e a sidra, con iniciativas como a
recén presentada Ruta da Sidra.
O ambiente de tarde, que tivo que repartirse co agardado encontro futbolístico no Novo
Campo Municipal do CD Estradense, contou coa animación musical a cargo de Rebelda
Band e Fanfarria Taquikardia.
A XII Feira da Sidra da Estrada deixa moi bo sabor de boca. “Cando ano medramos”,
indican dende o sector.