• Todas as solicitudes presentadas en tempo e forma foron admitidas en
todas as quendas solicitadas por cada participante.
• A actividade de conciliación está dirixida a asistentes de entre 5 e 15
anos e realizarase en catro quendas nos meses de xullo e agosto.
• Os admitidos deben efectuar agora o pagamento.
AEstradaDeporte ten pechadas xa as listaxes de
admitidos no Campus Deportivo de Verán co que o Concello vén favorecendo dende hai
anos a conciliación da vida laboral e familiar na tempada de verán, unha iniciativa que se
suma aos campamentos urbanos ofertados dende a área de Servizos Sociais. Todas as
solicitudes presentadas en tempo e forma foron admitidas en todas as quendas
solicitadas por cada participante, de xeito que se agarda que máis de 380 cativos se
sumen a este campus nos meses de xullo e agosto.
Segundo os datos aportados polo departamento que dirixe Ismael Pena, a participación
no Campus Deportivo de Verán segue medrando, despuntando entre os programas de
conciliación estival que se deseñan no conxunto do municipio estradense. Desta volta
serán unha trintena de campistas máis que en 2024. Como cada ano, o mes de xullo será
o de maior participación.
No caso de que algún dos inscritos teña intención de renunciar a algunha das quendas
solicitadas e concedidas deberá comunicalo coa maior brevidade ao departamento
municipal de Deportes. Pechada a matrícula e realizadas xa as listaxes de admitidos, os
participantes no XVI Campus Deportivo de Verán deberán agora realizar o pagamento,
indicando no concepto nome e apelidos do participante, así como a súa quenda de
asistencia. O abono terá que realizarse antes do inicio de actividade, ben a través dunha
sucursal ou a través da banca electrónica. Neste senso, o número de conta para o pago
corresponde ao Banco Sabadell, debendo efectuarse na seguinte:
ES78 0081 2208 2300 0101 2603
O xustificante do pagamento deberá entregarse á persoa coordinadora do campus o
primeiro día da actividade, no punto de chegada e recollida, a carón das piscinas
municipais.
A actividade está dirixida para nenos e nenas dende os 5 ata os 15 anos (nos dous casos
cumpridos a día 1 de xullo de 2025). Coma cada ano, desenvolverase nas diferentes
instalacións da Zona Deportiva municipal, en horario de 08.30 a 14.30 horas e nos meses
de xullo e agosto.
O prezo da inscrición neste XVI Campus Deportivo de Verán será de 40 euros por
participante e quincena. Os asistentes puideron solicitar as quendas ou quincenas que
considerasen oportunas, ata un máximo de catro. Existen bonificacións para as familias
numerosas e as monoparentais, nos dous casos cun desconto do 20% sobre o prezo xeral
(serán 32 euros).
Os horarios e a programación das actividades de cada quenda faranse en función das
idades dos nenos, polo que non todos os participantes do Campus Deportivo farán as
mesmas actividades. Entre as que se ofertan para este verán están fútbol, baloncesto,
atletismo, bádminton, actividades acuáticas, tenis, atletismo e xogos predeportivos de
iniciación para os máis pequenos. A maiores realizarase unha excursión en cada mes, ao
parque acuático de Cerceda, en data pendente de determinar.
No tocante ás quendas, a primeira será do martes 1 de xullo ao martes 15 (11 días). A
segunda irá do mércores 16 de xullo ao xoves 31 (11 días), sendo a terceira dende o
venres 1 de agosto ao xoves 10 (10 días). A cuarta vai do 18 de agosto ao venres 29 (10
días).







































