A ESTRADA INCREMENTA O PERÍODO DE INSTALACIÓN DAS TERRAZASDA HOSTALERÍA AO ABRIGO DA ÚLTIMA BONIFICACIÓN APROBADA

 Moitas das terrazas solicitadas amplían aos meses de novembro ou
decembro a solicitude do correspondente permiso municipal por
ocupación de vía pública.
 Nestes momentos son 253 as mesas que os hostaleiros estradenses teñen
na rúa.
 O Concello agarda que o fomento do “terraceo” leve a que os
establecementos conserven as súas terrazas de xaneiro a decembro.

 

Ao abrigo da bonificación aprobada meses atrás, o
Concello da Estrada puido comprobar xa un incremento do período no que os
hostaleiros solicitan a ocupación da vía pública coas mesas, cadeiras e outros elementos
que compoñen as súas terrazas. Con máis de 40 instalacións que contan coa
correspondente autorización municipal, boa parte das solicitudes presentadas dende o
pasado mes de maio ampliaron a súa permanencia ata novembro ou decembro.
O Concello da Estrada deu, o pasado mes de marzo, un paso decidido para fomentar o
mantemento das terrazas da hostalería ao longo de todo o ano. O pleno municipal
aprobou unha bonificación que se introduciu na ordenanza municipal encargada de
regular a ocupación da vía pública por parte deste mobiliario, concretamente unha
redución do 30% na taxa para os establecementos que manteñan a súa terraza operativa
durante seis ou máis meses.
O executivo que encabeza Gonzalo Louzao quixo con esta proposta avanzar no proceso
de regularización iniciado en materia de funcionamento das terrazas no casco urbano.
Dende o goberno advertiuse esta necesidade despois de que a actividade hostaleira nas
vías públicas se vise notablemente incrementada a raíz da crise sanitaria do coronavirus,
chegando practicamente a duplicarse este tipo de instalacións en poucos meses.
Nestes intres, en plena campaña estival, son un total de 253 as mesas que a hostalería
sacou á rúa na capital estradense, asociándose a cada unha delas una media de catro
cadeiras.

A intención do goberno local ao impulsar a citada bonificación foi fomentar que as
instalacións se prolonguen o máximo posible no tempo, beneficiando esta redución aos
hostaleiros que as manteñan máis meses abertas. A pretensión do goberno é que o
“terraceo” se estenda, de cara ao ano que vén (coa bonificación xa dispoñible para os 12
meses), de xaneiro a decembro.
Cambios apreciables
En todo caso, a ampliación do período de vixencia das terrazas xa se nota neste 2025,
tendo en conta que o máis habitual era que este equipamento a pé de rúa se retirase, na
maior parte dos casos, co fin de tempada estival, cara o remate do mes de setembro. De
feito, ata o de agora, o período de ocupación máis solicitado pola hostalería local viña
sendo de maio a setembro.
Cómpre sinalar que a bonificación do 30% aprobada polo pleno municipal non ten en
conta o número de elementos que se manteñan na rúa en cada terraza, senón os meses
que esta permanece a disposición dos usuarios.
En materia de taxas, cada local hostaleiro paga en función da rúa na que se atopa
instalada a súa terraza, distinguíndose a Zona A Especial (coincide cos espazos peonís),
zona A (rúas máis céntricas) e Zona B (periferia).
Identificación
Por outra banda, despois das últimas modificacións introducidas no regulamento das
terrazas da hostalería, o Concello promoveu a instalación dun cartel identificativo para
cada terraza instalada no casco urbano, un elemento que busca favorecer o control por
parte dos axentes da Policía Local. Esta documentación ten que estar colocada nun lugar
visible do establecemento e inclúe datos como a configuración da terraza ou os meses
para os que esta consta coa correspondente autorización municipal.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.