O alcalde da Estrada sinala que esta distinción é unha garantía para a
preservación da tradición, as bestas e o entorno no que viven estes
animais.
O rexedor sinala que a consideración de BIC é un aval “para que esta
festa siga existindo tal e como nola transmitiron os nosos devanceiros”.
O alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao Dono, quixo hoxe
aplaudir e agradecer publicamente que o Consello da Xunta aprobara a declaración da
Rapa das Bestas de Sabucedo como Ben de Interese Cultural (BIC) de carácter inmaterial.
O rexedor puxo o acento na importancia que este recoñecemento ten en termos de
“preservación” e protección, “para que esta festa siga existindo tal e como nola
transmitiron os nosos devanceiros”, apuntou o rexedor.
Louzao Dono remarcou que o feito de que a Xunta de Galicia culminase o expediente,
iniciado en 2024, para declarar BIC a Rapa das Bestas comporta unha “máxima
protección” institucional “para as bestas, para a tradición en si e para o entorno no que
viven este animais”.
“Temos que celebrar este acordo e, como alcalde, quero agradecerlle á administración
autonómica que atendera á singularidade da nosa Festa de Interese Turístico
Internacional”, continuou o xefe do executivo local. “O que se nos entregou a nós temos
que preservalo para as xeracións futuras”, sinalou o alcalde, que considerou que esta
catalogación como BIC constitúe, neste senso, “a máxima garantía”.
“Estamos ante unha manifestación cultural que nace no rural e traspasa todas as
fronteiras”, continuou o mandatario, que lembrou que a chegada do BIC para Sabucedo
se produce ás portas de que arranque a presente edición da Rapa das Bestas.
“Celebraremos como se merece esta Rapa co pobo de Sabucedo e con todos os veciños
e visitantes que se acheguen a gozar da nosa tradición”, sinalou.
Gonzalo Louzao apuntou tamén que, aínda que a declaración da Rapa das Bestas como
BIC é algo que se leva anos perseguindo, esta iniciativa atopou o impulso e implicación
da Asociación Rapa das Bestas e do propio Concello da Estrada, vendo en 2024 un pulo
decidido a esta tramitación.








































