Rematado o prazo de recepción, o departamento de Cultura valorará
agora as peticións para tentar chegar a unha resolución cara finais de
xullo.
Só se podía facer unha solicitude por parroquia, aínda que implique
varios eventos. A cantidade máxima por solicitante é de 3.000 euros.
Estas novas axudas teñen un carácter prepagable, cun 75% na primeira
fase. Unha vez xustificada, farase o pago restante.
O Concello da Estrada ten pechado xa o prazo de
recepción de solicitudes da nova liña de subvencións para eventos e actividades
culturais, unha iniciativa dotada nesta primeira convocatoria cun orzamento de 100.000
euros, cos que se busca contribuír á promoción e impulso de propostas desta natureza
chegadas dende as diferentes parroquias estradenses. A edil de Cultura, Lucía Seoane,
detallou hoxe que foron 45 os colectivos (procedentes doutras tantas parroquias) os que
cursaron en tempo a súa solicitude.
En concreto, a administración municipal recibiu peticións desta nova subvención
canalizadas dende Guimarei, San Miguel de Barcala, Frades, Oca, Lamas, Santa Cristina
de Vea, San Xurxo de Vea, Couso, Codeseda, Olives, A Somoza, Nigoi, Vinseiro,
Montillón, San Miguel de Castro, Santo Tomé de Ancorados, Pardemarín, Santo André
de Vea, Callobre, Agar, Ribela, Ribeira, Tabeirós, Berres, Moreira, Cereixo, Santa Mariña
de Barcala, Ouzande, San Pedro de Ancorados, Paradela, Curantes, Toedo, San Xiao de
Vea, Santeles, Matalobos, Cora, Barbude, Arnois, Loimil, Rubín, Sabucedo, Arca, Aguións
e dous barrios de San Paio da Estrada (Cañoteira e Fernando Conde).
A titular estradense de Cultura explicou que o Concello valorará agora todas as
solicitudes presentadas e definirase a contía que corresponde a cada un dos colectivos
que as presentaron, coa previsión de que cara finais de xullo poida ofrecerse unha
resolución, que lle será comunicada ás asociacións correspondentes.
As peticións destas axudas tiveron que ser presentadas por asociacións de veciños,
asociacións de mulleres rurais ou comisións de festas debidamente constituídas. Só se se
podía presentar unha solicitude por parroquia, aínda cando esta pode incluír varios
eventos. En todo caso, a cantidade máxima que pode percibir cada solicitante é de 3.000
euros.
Como gastos que se poden sufragar con cargo a estas novas subvencións municipais, as
bases aluden a gastos de cachés de grupos ou artistas; gastos de seguros para a
realización de actividades; gastos de publicidade; alugueiro de megafonía, iluminación e
infraestruturas; alugueiro de palcos, tarimas ou similares e gastos de organización. Non
se poderán costear con estas axudas gastos de comida ou bebida; gastos correntes de
actividade social, deportiva ou de tempo libre; actividades formativas non ligadas a
contidos artísticos, patrimoniais, culturais ou etnográficos ou bens de investimento.
No tocante ao pago, estas novas axudas teñen un carácter prepagable, cun 75% na
primeira fase. Unha vez xustificada, farase o pago restante. O prazo para xustificar as
axudas remata 15 días despois da última festa do ano na parroquia, e sempre antes do 1
de decembro.