A Policía Local xestiona as citas, que están xa esgotadas ata setembro.
Nese mes visitará a capital estradense os mércores 10 e 24.
Antes o servizo implicaba que os cidadáns acudiran dúas veces para
obter a súa documentación. Agora abondan apenas 10 minutos.
Os desprazamentos do VIDOC da Policía Nacional permiten, ademais, a
obtención do pasaporte sen moverse do municipio.
Transcorrido un trimestre dende que A Estrada estreou
a unidade móbil para a tramitación do Documento Nacional de Identidade (DNI) e do
pasaporte, o servizo está xa plenamente instaurado entre a cidadanía, que segue tendo
na Policía Local o seu referente para a xestión das citas. Trala estrea do Vehículo Integral
de Documentación (VIDOC) que a Policía Nacional traslada dúas ou tres veces ao mes ata
a capital estradense, foron máis de 300 as persoas que solicitaron facer uso dun recurso
que chegou para reducir distancias e tempos de espera.
A boa acollida que tivo este servizo deu como resultado que nestes momentos xa non
haxa disponibilidade para o mes de agosto. A Policía Local está xa dando citas para
setembro, mensualidade na que esta unidade móbil visitará A Estrada os mércores 10 e
24. Para o primeiro destes días xa só hai 11 dos 30 ocos dispoñibles.
O vehículo instalouse esta mañá na Praza da Constitución e volverá facelo na xornada de
mañá, despois de estar tamén o mércores 9. Deste xeito, en xullo houbo tres días de
servizo, igual que en xuño. En agosto ten escalas programadas para os días 6 e 27.
Cada vez que a unidade visita a vila emítense uns 30 carnés. Con anterioridade á súa
posta en marcha, o servizo trasladábase ata A Estrada catro veces por mes, se ben dous
destes días eran para a realización dos trámites de renovación ou expedición e os outros
dous para efectuar a recollida. Isto comportaba que os cidadáns tiveran que acudir dúas
veces para recibir a súa documentación. Agora, en apenas 10 minutos teñen o DNI nas
súas mans ou o pasaporte, un documento que ata o pasado mes de abril esixía aos
estradenses un traslado ata Santiago, Lalín ou Vilagarcía de Arousa, os puntos de
expedición máis próximos ao municipio.
“Foi un avance moi grande, que aporta rapidez e proximidade nun trámite obrigatorio e
necesario para os cidadáns”, sinalou o alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao Dono, que
hoxe foi informado polo xefe da Policía Local, Javier García, da boa marcha que está
tendo o servizo. No transcurso desta conversa púxose o acento en que as solicitudes se
viron neste último trimestre sensiblemente incrementada con respecto ao sistema
anterior de expedición. “Está funcionando ben e con demanda”, resumiu García.
Os interesados en obter unha cita para esta unidade móbil teñen que poñerse en
contacto coa Policía Local, ben de xeito presencial (nas súas oficinas da Praza da Feira, en
horario de 09.00 a 14.00) ou ben a través do teléfono 986 570 898. No momento da
petición de cita é preciso aportar nome, teléfono e número de DNI. Cómpre indicar que
nestes momentos os tempos de agarda sitúanse en mes e medio.
Doutros concellos
Ademais de dar servizo aos veciños do Concello da Estrada, este VIDOC da Policía
Nacional que se traslada ata o municipio está sendo empregado para acurtar os
desprazamentos de concellos limítrofes. Así, entre os seus usuarios figuran cidadáns de
Forcarei, Cuntis ou Silleda, entre outros.
Aínda que acostuma a emprazarse na Praza da Constitución dous mércores ao mes,
coincidindo con xornada feiral, a certa flexibilidade que acompaña o servizo permite que
poida adaptarse en función da demanda, tanto na Estrada como nos outros concellos da
provincia nos que presta servizo







































