O CONCELLO ABRE UN NOVO PRAZO PARA CUBRIR DEZ PRAZASVACANTES NA CONVOCATORIA DOS CAMPAMENTOS DO MAR

O departamento municipal de Servizos Sociais anunciou
hoxe a apertura dun prazo extraordinario de inscrición para cubrir as 10 prazas que
quedaron vacantes nos Campamentos do Mar, que este ano se desenvolverán no
Campamento Xuvenil A Devesa, en Ribadeo, do 26 de agosto ao 4 de setembro.
A edil Amalia Goldar explicou hoxe que aínda se permitirá a novos campistas anotarse
entre o luns 28 de xullo e o 4 de agosto. As prazas están reservadas para asistentes de
entre 8 e 16 anos.
Para os participantes que están censados no Concello da Estrada, a administración local
subvenciona directamente o 50% do custe xeral da praza, de xeito que os campistas
estradenses pagarán 120 euros no canto dos 240 que terán que pagar os asistentes que
non estean empadroados. Sobre a contía xa reducida haberá bonificacións engadidas.
Deste xeito, familias numerosas e monoparentais pagarán 84 euros. No primeiro caso, o
terceiro irmán tería praza gratuíta cando participen os tres na actividade. Tamén hai
bonificacións por irmán: o primeiro pagaría 120 euros e o segundo, 84.
As solicitudes de inscrición deberán presentarse obrigatoriamente a través da sede
electrónica do Concello da Estrada (https://aestrada.sedeelectronica.gal) ou, no seu
defecto, no Rexistro Xeral ou dependencias de Servizos Sociais, en horario de 09.00 a
14.00.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.