As unidades do casco urbano pasarán dos actuais 800 litros a novos
elementos cunha capacidade de 1.800 e 3.200, pensados para a recollida
con carga lateral.
A reorganización das illas da vila comezará a mediados de agosto.
Estímase que uns 150 contedores retirados e en bo estado pasarán a
reforzar a recollida de envases lixeiros no ámbito rural.
A Estrada supera a media galega de reciclaxe de envases de plástico,
latas e bricks, situándose no 24% e con uns 450.000 quilos deste residuo
recollidos no último ano
O Concello da Estrada porá en marcha a mediados do
mes de agosto unha substitución dos contedores amarelos, destinados a envases lixeiros
(de plástico, latas ou bricks), por un novo modelo de maior capacidade e adaptado para
a carga lateral. A medida busca incrementar a eficiencia na recollida selectiva deste tipo
de residuos e suporá unha reorganización dos diferentes puntos existentes para estes
depósitos no casco urbano.
O novo modelo suporá pasar dos 800 litros de capacidade que ofrecen os contedores
actuais a unidades de 1.800 e 3.200 litros. Contando con este incremento, o número de
puntos de depósito por rúa será revisado e reorganizado, procurando unha optimización
do espazo e unha recollida máis eficiente.
Neste senso, os camións que se empregarán para descargar o contido destes contedores
amarelos xa non terán que ser de carga traseira, que fai máis complexa a mobilización
das unidades de depósito e esixe que o condutor estea acompañado por unha ou dúas
persoas para efectuar a recollida. Cos vehículos de carga lateral, o camión pode situarse
en paralelo ao colector, activando de xeito automatizado o mecanismo de carga e
baleirado a través do dispositivo que incorporan. Isto fai que a recollida precise menos
operarios.
O edil de Servizos Municipais, Óscar Durán, indicou que estes cambios motivarán que
algúns dos contedores amarelos agora distribuídos polas rúas da Estrada desaparezan e
outros se reagrupen, unha vez se teñan incorporadas as unidades que duplican ou
triplican a capacidade actual. Os elementos que se retirarán e que se atopen en bo
estado empregaranse para reforzar a recollida de envases lixeiros no ámbito rural,
estimando que se poidan sumar a estes depósitos selectivos uns 150 colectores.
Durán aproveitou hoxe a ocasión para recoñecer e aplaudir publicamente os datos que
vén de aportar a empresa Ecoembes, encargada da xestión dos residuos depositados no
contedor amarelo. Segundo apuntou o concelleiro, A Estrada sitúase por encima da
media galega, cunha marca do 24%.
Incremento anual
Profundando nestes datos, sinalou o edil que no último ano os estradenses depositaron
nestes colectores 450.000 quilos de envases lixeiros e que cada exercicio vén
incrementando esta recollida selectiva entre un 10 e un 15%.
Por outro lado, dende este departamento municipal tamén se avanza que se
aumentarán os contedores de vidro, incorporando ao parque de iglús verdes outras 15
unidades.
As illas de recollida serán tamén reorganizadas no momento no que se incorpore, de
cara a o vindeiro outono, o quinto colector, destinado aos residuos orgánicos







































