O Concello da Estrada estivo esta tarde
representado en Vigo no acto de presentación da Copa 5×5 Balonmán na Rúa,
organizada pola Deputación Provincial de Pontevedra e a Federación Galega de
Balonmán. O evento terá catro sedes: Vigo, Redondela, A Estrada e A Cañiza.
O edil estradense de Deportes, Ismael Pena, asistiu ao evento, presidido pola
vicepresidenta da Deputación, Luisa Sánchez. O acto celebrouse no paseo das Avenidas,
fronte ao edificio do Tinglado do Porto de Vigo.
No caso da Estrada, a actividade está programada para os días 11 e 12 de outubro.
Ismael Pena incidiu no que supón para o municipio acoller unha proba do Circuito
Provincial 5×5 de Balonmán. “É unha gran oportunidade para darlle visibilidade ao
balonmán, sacando este deporte dos pavillóns, para achegalo a todos os públicos na rúa,
montando unha gran festa lúdica e deportiva”, dixo.
“Agardamos que este evento nos dea ese empuxón definitivo para asentar o balonmán
na comarca de Tabeirós-Terra de Montes e, para iso, que mellor escaparate que ubicalo
na Praza da Constitución, no centro da vila”, declarou Ismael Pena, que sinalou que o
Concello tenta implantar esta disciplina dentro da ampla oferta deportiva coa que conta,
traballando para iso da man da Federación Galega de Balonmán dentro do programa de
Escolas Deportivas Municipais e tamén poñendo á disposición desta entidade as
instalacións municipais para o traballo das súas seleccións.
O concelleiro de Deportes quixo tamén agradecer á Deputación de Pontevedra a súa
aposta por este tipo de eventos, que achegan aos Concellos disciplinas que dan moita
visibilidade ao deporte base e animan á participación cidadá.
A ESTRADA, REPRESENTADA EN VIGO NA PRESENTACIÓN DA COPA 5X5BALONMÁN NA RÚA QUE IMPULSA A DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA
Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.







































