Durante o mes de agosto foron 2.188 as persoas que buscaron neste
servizo información sobre que ver e facer en terras estradenses.
O punto mantivo a actividade en setembro, con 766 visitantes nas dúas
primeiras semanas.
A beleza e características do afamado verxel do Pazo de Oca fan que esta
parroquia continúe recibindo moitos turistas fóra da tempada alta.
Que o Pazo de Oca é un dos emblemas turísticos da
Estrada é algo incuestionable. Alcumado como Versalles Galego, son miles as persoas que
cada ano se achegan ata a parroquia estradense que o acolle e lle dá nome para coñecer os
seus xardíns e o interior. Moitos destes visitantes fixeron uso este verán do punto de
información turística que o Concello da Estrada instalou en Oca. Entre os meses de xullo,
agosto e a primeira quincena de setembro foron un total de 3.742 as persoas que
procuraron nesta instalación información sobre os atractivos locais.
O servizo activouse en Oca a medios de xullo. Nesas primeiras semanas da tempada estival
foron 788 as persoas que se achegaron ata o punto de información turística. Seguidamente,
en agosto, mes vacacional por excelencia, o número de consultas turísticas centradas en que
ver e facer nas terras estradenses elevouse ata as 2.188.
A información facilitada polo departamento municipal de Turismo, área que coordina o
concelleiro Óscar Rancaño, permite tamén observar que ata o 14 de setembro foron outros
766 os turistas que, chegados ao pé do Pazo de Oca, se interesaron neste punto informativo
polo que A Estrada ofrece para gozar da visita.
A demanda deste punto de información é tamén un reflexo das visitas recibidas polo Pazo de
Oca, un recinto que fai atractivo o percorrido en calquera época do ano, tendo en conta as
numerosas especies que integran os seu afamado verxel, que encadra este conxunto na
Ruta da Camelia, cunha floración invernal.
Cómpre lembrar que, en virtude dun acordo coa Fundación Casa Ducal de Medinaceli, os
estradenses poden visitar os xardíns do Pazo de Oca de xeito completamente gratuíto, só
con amosar no momento do acceso un carné no que se acredite o seu domicilio estradense.
Pazo de Oca, rutas para a práctica de sendeirismo e gastronomía ocupan os postos altos da
lista de recursos que máis demanda estiveron tendo entre os usuarios que se achegaron ás
oficinas de turismo abertas no Concello da Estrada. No tocante ao Versalles Galego, algúns
visitantes chegan coa idea de descubrir o seu interior -aberto dende hai anos tamén á
realización de percorridos- e outros fano atraídos pola sona dos seus amplos e impoñentes
xardíns.







































