Na programación deste ano inclúese un curso de máscara a cargo dun
especialista, aulas nas que se incidirá na elaboración de máscaras e na
xestualidade facial.
Os adultos emprenden mañá as sesións e o resto dos grupos verán
integrado o sábado o arranque das clases no festival de danza 6
Coreógrafas.
A Escola Municipal de Artes Escénicas (EMAE)
erguerá mañá o pano para o novo curso, co inicio das sesións no grupo de adultos. A
entidade pecha esta semana o prazo de matrícula e supera xa os 80 inscritos. O alumnado
será distribuído en catro grupos e asistirá ás clases ata finalizar o vindeiro mes de maio,
reservando o de xuño para as montaxes das funcións de fin de curso.
O grupo de adultos terá unha sesión semanal fixada nos mércores ás 21.00 horas. As dos tres
restantes serán os sábados pola mañá. No de infantil incluiranse os nenos de ata 12 anos; o
alumnado entre 12 e 18 conformará o grupo xuvenil e o que supere a maioría de idade
estará xa no de adultos. A maiores existe un cuarto grupo, Danza +40, que nos últimos anos
conformaron varias mulleres nunha contundente aposta polo apoderamento feminino e a
sororidade. A todas estas matrículas súmanse as persoas que colaboran coa unidade de
produción.
A escola manterá este ano boa parte do cadro de profesores. Contará con Anabell Gago,
Paula Quintas, Arturo Cobas ‘Nono’, Fran Campos e Carlos Gallardo. Este último docente
será o especialista que se encargue das clases de máscara, curso que aporta unha das
novidades do ano. Estará centrado na xestualidade facial e na fabricación de máscaras.
O arranque da actividade docente da EMAE encadrarase este sábado no programa do
festival de danza 6Coreógrafas.
A Escola Municipal de Artes Escénicas da Estrada, naceu no ano 2012, a partir do que era a
antiga Escola Municipal de Teatro. É unha entidade dependente da Fundación Cultural da
Estrada que dende a súa creación no ano 2002, formou parte dun marco estratéxico de
promoción e difusión das artes escénicas no municipio.
No ano 2012, e dado o carácter multidisciplinar do teatro contemporáneo, a Escola decidiu
diversificar a súa oferta didáctica para ofrecerlle ao alumnado unha formación o máis
integral posible, incluíndo na súa programación, clases de danza, de voz e de clown.
Paralelamente á actividade docente, a EMAE ten asignada unha unidade de produción
propia coa finalidade de medir a alumnos e exalumnos diante do público.







































