GONZALO LOUZAO RECIBE AO PRESIDENTE DO CENTRO GALICIA DEBOS AIRES, O ESTRADENSE JOSÉ MARÍA VILA ALÉN

 Natural da parroquia de Vinseiro, visita o consistorio acompañado pola
súa dona e o politicólogo Víctor Vázquez Portomeñe.
 “A Estrada ten 51 parroquias pero, visitando aos estradenses afincados
no país arxentino, temos que dicir que son 52 as parroquias que nos
representan. Aínda que estean moi lonxe están moi preto das nosas
tradicións, da nosa cultura e do noso concello”, sinala o alcalde.
 Vila Alén: “Cando veño á Estrada cargo as pilas e marcho coa batería
plena. É para min unha renovación para continuar o camiño de poñer a
Galicia no máis alto”.

O alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao Dono, recibiu este
mediodía no seu despacho ao presidente do Centro Galicia de Bos Aires, José María Vila
Alén, natural da parroquia de Vinseiro. Acompañando a este representante da colectividade
estradense en Arxentina e á súa dona estivo o coñecido politicólogo Víctor Vázquez
Portomeñe.
O rexedor local referiuse ao Centro Galicia de Bos Aires como “un referente da
colectividade, a cultura e o idioma galego; da importancia que ten Galicia nesta quinta
provincia”. Foi el mesmo quen se encargou de sinalar que Vila Alén está estes días realizando
xestións na comunidade e “non quixo deixar pasar a ocasión de visitar a súa terra”. “Nacido
en Frende, na parroquia de Vinseiro, marchou sendo moi novo pero sempre que pode vén
visitar Galicia e traballar para que á colectividade galega en Arxentina nunca lle falte nada;
para mirar pola colectividade estradense e visitar aquí aos seus veciños”, dixo Louzao Dono.
“A Estrada ten 51 parroquias pero visitando aos estradenses afincados no país arxentino
temos que dicir que son 52 as parroquias que nos representan. Aínda que estean moi lonxe
están moi preto das nosas tradicións, da nosa cultura e do noso concello”, engadiu o alcalde.
“Estou moi honrado de estar aquí no Concello da Estrada, cun alcalde tan novo e eficiente”,
comezou José María Vila. “Cando veño á Estrada cargo as pilas e marcho coa batería plena. É
para min unha renovación para continuar o camiño de poñer a Galicia no máis alto”,
declarou. “Temos que asumir con naturalidade e orgullo que Galicia non se entende sen a
emigración. Hai datos identitarios da Galicia de hoxe que non se entenderían sen a

emigración, dende o himno ou a bandeira, ata o Sempre en Galiza de Castelao ou a mesma
Rianxeira”, sinalou.“Galicia é moito máis que o territorio. As catro provincias a nós
énchennos de orgullo, pero sentimos que a Galicia verdadeira é a Galicia universal, que nos
comprende a todos”, engadiu.
José María Vila Alén quixo trasladar a súa felicidade e orgullo ao visitar o Concello da
Estrada. “Estou feliz de estar nesta casa, que é a miña casa dende que nacín. A primeira vez
que abrín os ollos, a primeira vez que dixen algo ou me choraron os ollos foi na Estrada. É a
miña orixe e aquí estou orgulloso e feliz”, manifestou.
“É un pracer estar na Estrada”, comezou, pola súa parte, Portomeñe. Asegurou sentir “gran
alegría” ao atopar a Gonzalo Louzao sentado na que el definiu como “a mesa dos
tormentos”. “Porque é onde hai que escoitar aos veciños”, explicou. “Sei que o fas porque es
un alcalde eficaz, amable e atento, un alcalde para moito tempo, espero e desexo”, díxolle
ao rexedor. Concluíu lembrando o forte lazo que o une ao municipio estradense, no que foi
Salmón de Ouro e pregoeiro da Festa do Salmón.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.