A ESTRADA ACTIVA CON 20 USUARIOS O PROGRAMA “ADESTRA A TÚASAÚDE” PARA MELLORAR O BENESTAR DE MAIORES DE 60 ANOS

 Os participantes foron derivados dende o centro de saúde estradense e xa
están realizando os test de condición física nas instalación deportivas
que xestiona a empresa local Auga VA.
 A asistencia é gratuíta para os pacientes, que recibirán adestramento e
seguimento individualizado durante nove meses.

Persoa sedentaria e maior de 60 anos. Este é, de
partida, o perfil dos usuarios adheridos ao programa “Adestra a túa saúde”, unha iniciativa
impulsada pola Consellería de Sanidade e a Fundación Deporte Galego que se puxo en
marcha este mércores, grazas á implicación e sinerxías entre o Concello da Estrada, o Centro
de Saúde e a firma Auga VA, xestora das instalacións deportivas da piscina climatizada. O
plan conta con 20 usuarios inscritos, que recibirán unha atención e seguimento periódicos e
personalizados ata xuño de 2026.
“Adestra a túa saúde” arrancou en cada un destes 20 casos cunha cita no servicio estradense
de Atención Primaria, na que se avaliou o seu estado de saúde e a súa capacidade física. Con
este punto de partida, realízase unha programación das actividades deportivas máis
axustadas a cada caso.
Este programa ten como finalidade fomentar a actividade saudable diaria adaptada ás
necesidades individuais de cada persoa, co obxectivo último de previr e/ou mellorar as súas
enfermidades, prolongar a esperanza de vida e previr a dependencia. Deste xeito, a iniciativa
promove a recomendación de exercicio físico desde o ámbito sanitario e o seguimento deste
dende o ámbito comunitario. Como queda avanzado, vai dirixido principalmente ás persoas
maiores de 60 anos, sedentarias ou con factores de risco cardiovascular, pretendendo
contribuír á mellora da saúde, o benestar e a calidade de vida.
Nas instalacións da piscina climatizada continuou hoxe a realización dos test de condición
física por parte do persoal especializado. Cómpre sinalar que a participación neste programa
ten un carácter completamente gratuíto para o usuario. O emprego dunha aplicación
específica permite a planificación das distintas actividades, monitorizar ás persoas usuarias
e emitir informes de seguimento.

“Adestra a túa saúde” atopa fundamentos en informes como o emitido en 2009 pola
Organización Mundial da Saúde (OMS), no que se considera a inactividade física como unha
pandemia global, o cuarto factor en orde de importancia causante de mortes e o sexto en
carga de enfermidade. Sinálase que as persoas que realizan actividade física de forma
regular presentan unha redución do 24% en consumo de medicamentos en relación coa
poboación non activa.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.