“O señor López Bueno sacou a camiseta da Estrada para vestir a que
verdadeiramente sinte: a do seu partido”, sinala o alcalde, en resposta ás
declaracións do voceiro socialista.
“Sitúa de xeito artificioso o problema onde non o hai, nun intento
desesperado por taparlle as vergoñas ao ministerio, sen asumir que é o
que está abstaculizando esta obra”, declara o rexedor.
“Pendín unha cita con Transportes para tentar buscar unha solución
aos problemas que lle estaban poñendo á Deputación antes de que se
asinara o informe, pero non se molestaron nin en contestar”, dixo.
Reitera que o proxecto para o que había consenso co ministerio durante
o goberno de Carmela Silva agora atopa atrancos co de Luis López.
“Teño que recoñecerlle ao PSOE que se lle dá moi
ben facer xirar a manivela da máquina do fango que el mesmo inventou”, ironizou o
alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao. Despois de recoñecerse pouco dado a alimentar os
debates estériles e populistas “que tanto lle gustan aos socialistas e tan pouco merecen
os estradenses”, o mandatario declarou: “o señor López Bueno sacou a camiseta da
Estrada para vestir a que verdadeiramente sinte: a do seu partido”. “Está poñendo o
foco onde non hai que poñelo, nun intento desesperado por taparlle as vergoñas ao
ministerio, sen asumir que é o que está obstaculizando esta obra”, declarou o xefe do
executivo local.
“A Deputación de Pontevedra non pon os problemas, señor Bueno. O que pon son os
cartos necesarios para sacar adiante esta obra, contando coa colaboración do Concello
da Estrada, que é quen paga as expropiacións”, respondeu Louzao. O rexedor lamentou
que o voceiro do grupo municipal do PSOE abandonase “á primeira de cambio” o
consenso e o apoio sen fisuras a unha obra “completamente necesaria e urxente para
mellorar a seguridade de condutores e peóns no enlace entre a EP-7016 e a N-640”.
“Sitúa, de xeito artificioso un problema onde non o hai, tentando á desesperada ocultar
que o mesmo proxecto para o que antes había consenso co ministerio no goberno
provincial de Carmela Silva, agora atopa atrancos co de Luis López”, manifestou o
alcalde.
Louzao Dono sinalou que o proxecto para crear esta variante, que ofreza unha conexión
máis segura entre a vía provincial que vai da Estrada a Vinseiro e As Casetas coa N-640,
iniciou a súa redacción durante o goberno de Carmela Silva, se ben non continuou a súa
tramitación. Insistiu en que “foi consensuado coas persoas que estaban dirixindo o
Ministerio de Transportes na provincia de Pontevedra naquel momento”, se ben, cando
agora o goberno popular de Luis López decide executalo, atopa unha resolución negativa
por cuestións técnicas.
Tentativa de desbloqueo
“Só faltaba este informe para poder asinar o convenio e comezar a obra, que é o que nos
piden os veciños”, lembrou o alcalde. “Pendín unha cita con Transportes para tentar
buscar unha solución aos problemas que lle estaban poñendo á Deputación antes de que
se asinara o informe, pero non se molestaron nin en contestar”, relatou. “Cheguei a ir alí
e dixeron que chamarían, cousa que non fixeron. Puxénme en contacto co subdelegado
do Goberno en Pontevedra, que dixo que tería unha reunión na que preguntaría por esta
cuestión, pero preferiron filtrarlle antes a resposta á prensa e chamarme a min despois”.
“Todo un detalle institucional”, censurou o rexedor.
“Casualmente, as supostas motivacións técnicas que ofrece o voceiro do PSOE son un
calco das publicadas pola prensa. Vese que está informado de primeira man”, engadiu
con ironía. Gonzalo Louzao suxeriu ao voceiro socialista que “volva ao lugar no que o
puxeron os veciños da Estrada e defenda os seus intereses”. “Con este enfoque o único
que demostra é que lle preocupa ben pouco esta obra e a seguridade; para el semella
máis urxente xustificar ao seu partido”, manifestou.
“As cousas soluciónanse con vontade política e ata o de agora non a vin”, engadiu o
mandatario estradense. Rematou sinalando que agora o único importante é que se
convoque a reunión a tres bandas -Deputación, Concello e Transportes- que solicitou
para desbloquear este proxecto “o máis axiña posible”. “A min é o que me importa. A
demagoxia barata déixolla a outros”, concluíu.







































