En colaboración co Servizo de Prevención de Incendios de Medio Rural
en Pontevedra, executa intervencións en pistas precisas para a
prevención e extinción de incendios nas parroquias de Souto e
Codeseda.
O Plan de Conservación de Camiños Rurais conclúe as súas actuacións
en pistas de 19 parroquias.
O alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao, desprazouse
nos últimos días ata diversos puntos do rural para supervisar a execución de dous plans
de actuación na rede viaria que dá servizo ás parroquias e que vai máis aló do asfalto. En
concreto, o mandatario acudiu a pé de obra aos traballos que o Concello está
executando en colaboración co Servizo de Prevención de Incendios da Consellería de
Medio Rural en Pontevedra, así como ás actuacións que veñen de concluír dentro do
proxecto de conservación de camiños rurais.
Na parroquia estradense de Souto, o rexedor tivo ocasión de ver o avance das obras
nunha zona onde se produciron incendios forestais recentes. A actuación hai que
encadrala no marco da colaboración entre a administración municipal e o citado servizo
pontevedrés, que arrancou no mes de setembro coa recuperación de 5 quilómetros
dunha pista precisa para a prevención e extinción de incendios e que une tres lugares de
dúas parroquias estradenses: Requián e Casalpaio, na parroquia de Frades, e Paramá, en
Santo André de Vea.
O Servizo de Prevención de Incendios e o Concello traballan agora na parroquia de
Souto, ademais de iniciar xa actuacións desta mesa natureza en tres pistas da parroquia
de Codeseda, que unen outros tantos lugares, no límite con Souto e Cerdedo-Cotobade.
Son as pistas de Xubrei, Insuela e Quintas.
Conservación de camiños
Noutra orde de cousas, Louzao Dono visitou esta mesma mañá algunhas das obras que
veñen de rematarse no contexto do proxecto de Conservación de Camiños Rurais. Son
actuacións que consisten na limpeza de foxos, refino, planeo e compactación da caixa do
camiño e, nalgúns casos, pavimentación con zahorras.
Este plan contemplou a mellora do firme en camiños de 13 parroquias: Couso (Couso),
Cora (Vilacriste), San Xurxo de Vea (Guntín), Santeles (Santeles), Paradela (Aldea
Grande), Riobó (Barcia e A Pena), Frades (Subión e Chaín), Barbude (Trasmonte), Rubín
(Berbigueira), Guimarei (Guimarei), Lamas (O Rodo), Vinseiro (Freán e A Pena) e
Codeseda (A Bugalleira).
O goberno complementou este plan con intervencións nos camiños da pista que une
Lamas e Pazos (Rubín); no acceso a Ponteliñares (Callobre) e nas pistas de Sandán
(Tabeirós), Souto de Vea (San Xurxo de Vea), Casa do Frade (San Miguel de Barcala) e
Maíndo (Couso).







































