O incremento horario fíxose coincidir co trámite da nova adxudicación,
logo da extinción do anterior contrato.
Cos cambios derivados da ampliación horaria, son 45 os rapaces nesta
unidade.
Por áreas, 20 deles están vencellados a terapia ocupacional, 22 á de
psicoloxía e outros 22 á de logopedia.
A suba de horas permite a incorporación ao servizo dos nenos que
levaban máis tempo esperando por esta atención.
A Unidade de Atención Temperá da Estrada
comezou traballar con horario ampliado, pasando das 20 horas semanais que viña
realizando cada un dos seus profesionais ás 30 que dende este mes se prestan.
Despois de asinarse o contrato coa firma adxudicataria, os servizos de logopedia,
psicoloxía e terapia ocupacional que ofrece este servizo -altamente valorado polas
familias usuarias- incrementan a súa dispoñibilidade, de xeito que a pretensión do
Concello pasa por que aqueles cativos que xa viñan asistindo a esta unidade poidan
axustar o número de horas ás súas necesidades ou por que outros novos poidan
incorporarse a esta atención.
A ampliación horaria fíxose coincidir co trámite da nova adxudicación, logo da extinción
do anterior contrato. Tivo como resultado a selección da firma Foltra, anterior
adxudicataria, entre as ofertas presentadas. En todo caso, o procedemento
contemplaba a subrogación dos tres profesionais que viñan prestando os seus servizos
na unidade estradense. A referida contratación ten asociado un orzamento de 175.500
euros, sendo un contrato dun ano prorrogable por outro.
Este centro atende a nenos de entre 0 e 6 anos. Todos os usuarios chegan ao programa
derivados por Pediatría. A concelleira de Servizos Sociais, Amalia Goldar, confirmou este
mediodía que, cos cambios derivados da ampliación horaria, serán 45 os rapaces que
asistan a esta unidade. Por áreas, 20 deles están vencellados a terapia ocupacional, 22 á
de psicoloxía e outros 22 a logopedia.
Goldar sinalou tamén que a suba de horas permite xa a incorporación ao servizo dos
nenos que levaban máis tempo esperando por esta atención. Aínda que desexou que
este incremento horario, sumado á flutuación no servizo, permita reducir ao mínimo as
esperas, a concelleira asumiu que “as necesidades sempre son máis que os recursos”.
A titular estradense de Servizos Sociais lembrou que este servizo é totalmente gratuíto
para as familias. Malia que o Concello ten que anticipar os fondos, a Xunta aporta
practicamente o 100% do seu custe a través de Consellería de Política Social. Nestes
intres, o funcionamento da unidade require 84.825 euros ao ano.
Mellor coordinación
A nivel organizativo, o aumento das horas suporá que as profesionais da Unidade de
Atención Temperá da Estrada cadren máis xuntas no servizo, o que permitirá unha
mellora da atención directa aos usuarios, ademais dunha mellor coordinación interna e
cos servizos comunitarios (colexios, escolas infantís e pediatras, principalmente).
O horario do servizo variará ao longo da semana. Luns, martes e mércores a unidade
funcionará de 08.00 a 19.00 horas. Os xoves o horario será de 08.00 a 14.00 e os venres,
de 08.00 a 15.00.
A Unidade de Atención Temperá botou andar na Estrada no ano 2019. Fíxoo nas
dependencias dun piso co que o departamento de Servizos Sociais conta na Avenida
Benito Vigo. Tras destacar que todo o retorno que recibe da Unidade de Atención
Temperá e dos seus profesionais “é moi positivo”, Amalia Goldar recoñeceu que os
usuarios sinalan que as instalacións non son ás máis apropiadas. “Son francamente
mellorables”, coincidiu a concelleira. De seguido, sinalou que o seu traslado está xa
contemplado no proxecto do novo Edificio Integrado dos Servizos Sociais que se
impulsará cos novos fondos europeos no solar do antigo INEM. “Agardemos que nun par
de anos poidamos ter unhas instalacións á altura da calidade do servizo que se presta
dende esta unidade”, manifestou.







































