“OS ORZAMENTOS DA XUNTA PARA 2026 REFERENDAN O QUE VIMOSDICINDO: É O MOMENTO DA ESTRADA”, SINALA GONZALO LOUZAO

 O alcalde estradense aplaude a incorporación de 16,8 millóns de euros
para a autovía AG-59 nas contas galegas, o investimento máis elevado
da contorna para o vindeiro exercicio.
 Remarca que A Estrada superará o ano que vén os 20 millóns de euros
de gasto autonómico, “sendo un dos concellos galegos con más
investimentos finalistas en 2026”.
 “Autovía, solo industrial e vivenda son alicerces para construír A
Estrada das oportunidades que pretendemos dende o goberno local e
son, tamén, as sólidas pedras que as previsións orzamentarias do
goberno galego incorporan para axudarnos a edificala”, di o rexedor.

“Os orzamentos da Xunta para 2026 referendan o
que vimos dicindo: é o momento da Estrada”. O alcalde estradense, Gonzalo Louzao
Dono, amosouse así de firme á hora de valorar as contas que o goberno de Alfonso
Rueda deseñou para o vindeiro exercicio económico na comunidade galega e que
reservan para continuidade da autovía A Estrada-Santiago (a AG-59) a maior partida na
contorna. Concretamente, para prolongar esta vía de alta capacidade os orzamentos
autonómicos contemplan 16.868.197 euros para 2026 que se aveciña. O proxecto inclúe
13 millóns máis para 2027 e outros 7 millóns en 2028, ata superar un montante de 36,8.
O alcalde puxo tamén o acento en que a territorialización deste investimento sitúa o 60%
destes fondos na provincia de Pontevedra e, polo tanto, especificamente no termo
municipal estradense, cara onde avanzará a AG-59 dende a fase que está piques de
concluír e que chegará a Pontevea.
“Como dixo o presidente Rueda este domingo na Estrada, esta fase quedará inaugurada
en dous ou tres meses, en función do efecto que a meteoroloxía teña na recta final dos
traballos”, lembrou Louzao. “Os estradenses soubemos agardar por esta conexión libre
de peaxes, pero a capital galega está xa para todos nós cada vez máis preto”, engadiu.

Os alicerces
“Dixemos que autovía, solo industrial e vivenda son alicerces para construír A Estrada
das oportunidades que pretendemos dende o goberno local e son, tamén, as sólidas
pedras que as previsións orzamentarias do goberno galego incorporan para axudarnos a
edificala”, apuntou o alcalde estradense.
Aludiu deste xeito a que, xunto coa prolongación da autovía AG-59 ata O Rollo (en Santa
Cristina de Vea), as contas da Xunta para 2026 contemplan tamén partidas específicas
para a ampliación do polígono industrial de Toedo e para a construción de 28 novas
vivendas de promoción pública.
No tocante ao principal parque empresarial da Estrada, Louzao situou os 2,4 millóns
fixados para 2026 nun desembolso de 8.762.508 euros, con data de inicio no vindeiro
exercicio e con fin no 2028. Apuntou tamén as previsións de ingreso por explotación que
figuran nas estimacións de Xestur, cifradas en 9.388.626 euros para o ano 2028.
“Dotar á Estrada de solo industrial público resulta fundamental para ter capacidade de
creación de emprego, ofrecendo oportunidades laborais aos estradenses no seu propio
municipio e atraendo novos traballadores, que poderán escoller A Estrada para vivir”,
sinalou o alcalde. “A esta ampliación do polígono temos que sumar o feito de que aos
pés deste parque chegará a autovía AG-59. Así, con planificación, é como se constrúen as
oportunidades”, defendeu.
“En materia de vivenda a falta de competencias non nos pon a cousas fáciles e
precisamos a implicación dos axentes privados. Porén, a Xunta de Galicia está poñendo
da súa parte, apostando por estas novas 28 vivendas de promoción pública que vemos
incorporadas aos orzamentos autonómicos”, continuou o xefe do executivo local.
Referiuse así a unha previsión de investimento de 4.290.830 euros, que xa teñen en
2026 consignación para os proxectos técnicos e unha primeira partida de investimento.
A xeito de resumo, e en base a unha primeira e xeralizada análise dos proxecto de
orzamentos da Xunta para 2026, Gonzalo Louzao puntualizou que as previsións do
goberno autonómico farán que o Concello da Estrada condense máis de 20 millóns de
euros de investimento, convertíndose “nun dos concellos galegos con máis gasto
finalista do vindeiro exercicio”. Remarcou o munícipe que ás consignacións específicas
haberá que sumar, ao longo de 2026, os diferentes plans autonómicos aos este
municipio está adherido e os recursos extraordinarios xestionados con diversas
consellerías.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.