O Concello comunicou en xullo que había 580 persoas interesadas en
sumarse ao programa deste ano pero só lle foron concedidas 385 prazas,
distribuídas en 16 vaixes.
O departamento de Servizos Sociais comezou esta mañá á chamar ás
persoas citadas para comunicarlle que xa non poderán viaxar nesta
convocatoria.
Goldar sinala a necesidade de actualizar un convenio co Imserso que se
remonta á década dos 90
O departamento municipal de Servizos Sociais
confirmou a primeira hora desta mañá que quedaron esgotadas as prazas outorgadas ao
Concello da Estrada para o Programa de Turismo do Instituto de Maiores e Servizos
Sociais (Imserso), un total de 385 distribuídas en 16 viaxes.
Despois de asignar as últimas prazas dispoñibles, o referido departamento comezou a
chamar hoxe ás persoas que estaban citadas para os vindeiros días dado que xa non será
posible que accedan á oferta nesta convocatoria. Son un total de 126 cidadáns os que
quedan fóra do programa.
Neste contexto, a edil Amalia Goldar sinalou a intención do goberno de estudar se
cabería a posibilidade de actualizar o convenio acadado entre o Imserso e o Concello da
Estrada anos atrás. “Temos que ver se somos capaces de modificalo, porque é moi
antigo e xa non se axusta ao número de persoas que solicitan estas viaxes”, recoñeceu,
situando o referido acordo na década dos 90. “Hai anos sobraban prazas e mesmo se
podían adxudicar as que quedaban vacantes, de xeito que había xente que ata viaxaba
dúas veces ao ano”, sinalou.
A titular de Servizos Sociais recoñece a necesidade de ampliar a oferta actual de prazas
aínda que, a priori, se entende que o Concello tería que aterse a unha convocatoria máis
ampla e xeneralizada por parte do Imserso. Cómpre indicar que, despois da inscrición
realizada o pasado mes de xullo, a administración municipal remitiu ao Instituto de
Maiores e Servizos Sociais que había 580 persoas interesadas en viaxar. Aínda así, só se
outorgaron as 385 prazas citadas.
Goldar Cora sinalou tamén que se estudará se sería posible incluír criterios que dean
preferencia para viaxar o ano que vén a aqueles cidadáns que quedaron este ano sen
praza, tal e como se fai con programas como as demandadas clases de natación para
maiores. “Gustaríanos saber se sería posible que aqueles que este ano non poidan viaxar
co Imserso por falta de prazas, se manifestan interese en facelo na seguinte
convocatoria, poidan ser as primeiras persoas en escoller destino”, apuntou.
Vantaxe telemática
Finalmente, a titular estradense de Servizos Sociais quixo facer unha reflexión sobre as
queixas de usuarios que encabezan a cola para facer a solicitude presencial destes
viaxes. Asume que mesmo os primeiros en seren atendidos se atopan con que, ao
mellor, teñen máis dun cento de persoas diante que se inscribiron pola sede electrónica.
“Non podemos facer nada porque este é un sistema administrativo que funciona así para
o conxunto da poboación e dos trámites. Dende as 00.00 horas do día marcado pódese
presentar a solicitude na administración electrónica e, neste caso, entran unhas 20 por
minuto, de xeito que a primeira persoa que chega pode ter tranquilamente 150
solicitudes antes que a súa”, observou.
Entre as persoas que accederon á oferta de viaxes para este ano, os primeiros viaxeiros
partirán o 10 de febreiro e os últimos viaxarán o 1 de xuño. En canto aos destinos, entre
as opcións concedidas á Estrada figuran distintas alternativas e datas para viaxes a
Mallorca, Roquetas del Mar (Almería), Benidorm (Alicante), La Manga (Murcia), Palencia
ou Tenerife.
A estancia máis curta é de 6 días e as máis longas (tamén as máis habituais) son de 10. Os
prezos oscilan entre os 285 euros e os 464. O Concello da Estrada inclúe para estes
veciños os desprazamentos en autobús ao aeroporto.







































