O departamento de Intervención recibe as proposicións de cada área e
traballa xa nos informes e na documentación que debe acompañar as
contas municipais.
Servizos Sociais volve ser unha das partidas máis elevadas, na que se
dota de xeito suficiente a nova contratación do Servizo de Axuda no
Fogar (SAF)
O equipo de goberno leva semanas traballando na
elaboración dos orzamentos que o Concello da Estrada manexará ao longo do exercicio
económico 2026. A concelleiro de Economía e Facenda, Alberto Blanco, confirmou hoxe
que o departamento de Intervención recibiu xa todas as propostas de gasto que nestes
días se estiveron perfilando en cada unha das concellerías.
Blanco Carracedo estimou que aínda é cedo para ofrecer unha cifra que resuma o
orzamento estradense de 2026, aínda que recoñeceu que, de xeito interno, xa se baralla
unha aproximación. Sinalou que antes de avanzala publicamente é preciso ver como se
poden incorporar todas as propostas dos diferentes departamentos para encaixalas no
marco dos ingresos previstos. Avanzou a pretensión de poder levar á conta do ano que
vén “case todas” as peticións achegadas polas diferentes áreas.
O titular estradense de Economía sinalou que, un ano máis, o gasto en Servizos Sociais
figurará entre as partidas máis altas do orzamento municipal. “É unha das partidas que
máis nos compromete”, asumiu. Despois de sinalar que todos os servizos estarán
garantidos nas partidas que figurarán nestas previsións, Alberto Blanco avanzou que o
Servizo de Axuda no Fogar (SAF) figurará dotado de forma suficiente, superando os
atrancos que topou o proceso de licitación por non teren contemplado previamente os
incrementos salariais que se puideran producir nun futuro próximo.
O responsable de Facenda indicou tamén que, coas propostas dos diferentes
concelleiros xa en Intervención, trabállase nos informes e na documentación que ten
que acompañar ao orzamento. En canto ás previsións que baralla o goberno para
aprobar a conta de 2026, recoñeceu que a intención é que ao longo do mes de novembro
poida levarse a comisión informativa, coa pretensión de elevala a pleno para a súa
aprobación na sesión ordinaria correspondente ao mes de decembro ou a unha
convocatoria extraordinaria no último mes do ano.
Chegaría despois a fase de exposición, resolución de alegacións (se as houbera) e
publicación para a entrada en vigor






































