O alcalde xestionou coa Consellería de Sanidade que a administración
galega asuma o 50% do custe das obras, valoradas en 154.000 euros.
Aínda que destinado á atención sanitaria, este edificio é patrimonio
municipal, como sucede cos centros periféricos de Codeseda e Vea.
As instalacións precisarán tamén a renovación do sistema de
calefacción, que actualmente emprega caldeira de gasóleo.
O alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao Dono,
avanzou hoxe que os orzamentos municipais de 2026, que nestes momentos se
encontran xa no departamento de Intervención coa previsión de que poidan elevarse a
pleno para aprobación no mes de decembro, incluirán no capítulo de investimento algo
máis de 77.000 euros para efectuar unha reposición integral da cuberta do centro de
saúde de Oca. Con esta partida o Concello cubriría o 50% do custe da actuación, que a
administración municipal tería que asumir no marco do convenio que o goberno prevé
asinar proximamente coa Consellería de Sanidade.
Louzao aclarou que o edificio do centro periférico existente na parroquia de Oca, como
sucede co de Vea ou o de Codeseda, é de titularidade municipal. Técnicos do Concello da
Estrada revisaron estas instalacións cos técnicos da consellería para estudar as súas
necesidades, que quedarían principalmente concentradas na cuberta e na necesidade
de renovar o sistema de calefacción, actualmente con caldeira de gasóleo.
O alcalde apuntou que o edificio ten unha claraboia de gran tamaño e non presenta
uralita antes da tella. A obra prevista suporá un recambio integral de toda a cuberta,
instalando unha membrana impermeabilizante antes de colocar o tellado. Asemade,
substituirase todo o falso teito, actualmente afectado polas humidades.
Gonzalo Louzao sinalou que o goberno que encabeza xestionou co Servizo Galego de
Saúde (Sergas) que a administración galega asuma a metade dos 154.000 euros
necesarios para executar estas melloras. De igual xeito, a parte que corresponde ao
Concello está tamén avanzada, coa incorporación de fondos nas contas do vindeiro
exercicio para facer fronte ao outro 50% das obras.
O alcalde sinalou que a elaboración do proxecto está xa en fase final e que
proximamente se asinará o correspondente convenio de colaboración coa Consellería
de Sanidade. Indicou tamén que as obras incorporarán unha mellora no sistema de
calefección, apostando por unha alternativa máis eficiente e ecolóxica que se sume á
mellora na cuberta para garantir condicións de maior confortabilidade tanto para os
usuarios como para os traballadores do centro.







































