Convocado na Sala Abanca, entre as 11.00 e as 13.00 horas, ten un
carácter gratuíto e está dirixido a mozos e mozas de 12 a 18 anos.
As prazas son limitadas e os interesados adentraranse no deseño de
personaxes, da man da ilustradora Lucía Cid.
A Estrada acollerá este sábado un dos obradoiros
gratuítos do programa Xuventude en Viñetas, impulsado pola Deputación de
Pontevedra. A iniciativa da institución provincial arranca este xoves, 13 de novembro, en
Pontevedra e consiste nun ciclo de obradoiros de banda deseñada dirixidos a mozas e
mozos de entre 12 e 18 anos.
A proposta artéllase en catro obradoiros, dous en nivel de iniciación e outros dous de
carácter intermedio. Todos eles cun fío condutor común: a vida na provincia. As pezas
realizadas polos participantes formarán parte dunha exposición.
No caso da Estrada, a experiencia proposta terá un nivel de iniciación. Desenvolverase
este sábado, 15 de novembro, na Sala Abanca e en horario de 11.00 a 13.00 horas. Estará
centrado na creación de personaxes e será impartido por Lucía Cid, actualmente
centrada en proxectos de creacións de cómics e ilustración de libros infantís e xuvenís.
O obradoiro arrancará abordando os fundamentos básicos de creación de personaxes,
para continuar adentrándose no proceso creativo. Inclúe un exercicio práctico de hora e
media de duración, titulado “Deseña un personaxe de fantasía inspirado na túa vila”.
Como queda avanzado, os obradoiros de Xuventude en Viñetas son gratuítos, se ben as
prazas son limitadas (de 8 a 15 persoas por obradoiro). Cada participante deberá levar
papel, lapis, goma, bolígrafos e rotuladores. As inscricións realízanse cun formulario en
liña na página web da Deputación de Pontevedra.
Xuventude en Viñetas arrancará o xoves con “Banda deseñada desde cero. O meu día a
día en viñetas”. Tralo seu paso por Pontevedra, chega á Estrada e, de seguido, o 22 de
novembro recalará en Sanxenxo cunha temática que xirará arredor de como se fai un
manga. O último dos obradoiros será en Ponteareas (29 de novembro) para abordar a
composición visual na banda deseñada.
Xuventude en Viñetas busca fomentar os intereses artísticos da mocidade da provincia,
á vez que promove a creatividade como unha ferramenta de expresión persoal e ofrece
un ocio saudable e alternativo.







































