As contas municipais contemplarán 200.000 euros no capítulo de
investimentos, aos que se sumaría o arrendamento dos terreos.
Louzao retoma as xestións cos propietarios para o alugueiro desta bolsa,
duns 6.000 metros cadrados, entre as rúas San Antón e Gradín.
O goberno ten xa perfilada a actuación, que combinaría “un novo
pulmón verde” cunha zona de estacionamento a carón da urbanización
de chalés.
Respectaría a vexetación e arborado actuais para crear unha zona de
paseo e esparexemento, abríndoa á malla urbana na que se asenta.
O alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao, deu a
coñecer hoxe unha das partidas que figura no capítulo de investimentos dentro do
proxecto de orzamentos para o 2026 que o goberno veu configurando nas últimas
semanas, coa previsión de que sexa aprobado en pleno no vindeiro mes de decembro. O
rexedor avanzou que as contas municipais para o próximo exercicio reservarán 200.000
euros para o acondicionamento da superficie popularmente coñecida como Carballeira
de Melania. O obxectivo é configurar unha nova zona verde e de esparexemento entre
as rúas San Antón e Gradín, que o executivo pretende abrir -pola vía do arrendamentoao desfrute público.
Louzao Dono explicou que esta contía estaría especificamente reservada para o
acondicionamento deste solo e iría recollida no orzamento a maiores da consignación de
fondos para o arrendamento dos propios terreos. Este último figuraría incluído dentro
das partidas do departamento de Urbanismo para alugueiros.
A creación desta nova e céntrica zona de esparexemento está pensada sobre unha
superficie duns 6.000 metros cadrados, enmarcados polas dúas rúas anteriormente
citadas. Trátase dunha zona actualmente en desuso, conformada por 14 solares
pertencentes a unha trintena de propietarios. Así, o alcalde explicou que xa retomou
persoalmente os contactos cos titulares, se ben recoñeceu que aínda ten pendentes
reunións con algúns dos afectados.
Este contacto da administración municipal cos donos dos terreos xa fora iniciada
durante a recta final do goberno de José López Campos, momento no que o Concello
presentoulles a proposta de abonar unha renda anual a cambio da cesión de uso, por un
período mínimo de catro anos.
Aposta firme
Gonzalo Louzao sinalou que incluír unha partida específica para a Carballeira de Melania
nos orzamentos de 2026 comporta que o seu goberno aposta firmemente pola creación
dun “pulmón verde” que aproveite as especies arbóreas existentes nestes terreos e abra
á cidadanía o uso dun novo espazo nun entorno moi céntrico.
O alcalde recoñeceu que o executivo ten xa unha proposta para o recinto, que podería
concretarse unha vez conseguida a cesión. A xeito de avance, apuntou que a idea pasa
por combinar a zona verde coa reserva dunha área de estacionamento pegada á
urbanización de chalés existente a carón da igrexa parroquial.
Sinalou tamén que a pretensión sería abrir o recinto á malla urbana na que se asenta, de
xeito que se valoraría a retirada do muro que o separa da Rúa San Antón e que supón
unha importante barreira estética. A superficie verde mantería a estrutura natural do
terreo, se ben sería obxecto dunha humanización respectuosa coa vexetación e
arborado, aproveitando a zona de sombra, formando paseos e salpicando o conxunto de
mobiliario urbano. O rexedor recoñeceu que sería preciso analizar como salvar a
pendente existente ou como garantir a seguridade ante esta diferenza de nivel.
Acceso dende San Antón e Gradín
Louzao sinalou igualmente que a intención é que a Carballeira de Melania teña acceso
tanto dende Gradín como dende a Rúa San Antón, de xeito que o parque sirva tamén
para conectar estas dúas rúas.
Despois de referirse a actualización das xestións cos propietarios dos terreos que está en
marcha, o mandatario estradense expresou o seu desexo de que estes acordos
frutifiquen “para que en 2026, despois de incorporalo ao capítulo de investimentos,
poidamos facer que esta zona sexa unha realidade moi pronto”.







































