O alcalde incide en que se busca exaltar o carácter histórico deste
enclave como xénese urbanística da Estrada, combinando a presenza do
mítico farol que lle da nome popular, os elementos da fonte orixinal e o
empedrado.
“A comezos dos século XX non había farol aínda na Praza de Galicia,
que tampouco tiña este nome, pero si que había unha fonte que naceu
nesta praza e que despois se moveu para a alameda municipal”, lembra.
“Estivo na parte posterior do consistorio moitos anos e foi pano de fondo
para as estampas de voda de moitas xeracións de estradenses”.
Retirada dos xardíns municipais, o elemento foi resgardado e agora será
devolto ao seu espazo orixinal, coa idéntica montaxe que tiña no parque.
Despois do Nadal as obras entrarán de cheo na Praza de Galicia e o farol
que a preside será restaurado.
O alcalde de Estrada, Gonzalo Louzao, revelou
hoxe que o Concello está traballando cos equipos técnicos para incorporar unha
pequena modificación no proxecto de remodelación e peonalización da Praza de Galicia,
que nestes intres se atopa en pleno proceso de execución. A pretensión do goberno local
é incluír a recuperación dun destacado elemento do patrimonio público municipal, nun
intento por afondar no carácter emblemático desta praza como xénese urbanística da
capital estradense. Trátase da antiga fonte que había neste enclave antes mesmo de que
adoptase o seu nome oficial ou de que os cidadáns lle puxeran o sobrenome oficioso de
Praza da Farola.
O xefe do executivo estradense lembrou que no proceso de licitación do proxecto para
deseñar a nova imaxe que terá a Praza de Galicia puntuou o feito de recuperar o uso
estético da auga neste espazo a través dunha fonte. “A comezos do século XX non había
farol aínda na Praza de Galicia, que tampouco tiña este nome, pero si que había unha
fonte que naceu nesta praza e que, despois, cando os vehículos comezaron a gañar
presenza no espazo público, se moveu para a alameda municipal”, rememorou o
rexedor. “Estivo na parte posterior do consistorio moitos anos e foi pano de fondo para
as estampas de voda de moitas xeracións de estradenses”, proseguiu.
Gonzalo Louzao sinalou de seguido que, coa reforma dos xardíns municipais, retirouse
esta fonte, que foi gardada, “como tamén a pérgola e outro mobiliario que formaba
parte desta alameda”. “Agora queremos devolver esta fonte a este espacio”, anunciou o
alcalde.
A orixinal, pero co aspecto da alameda
O rexedor explicou que proxecto para a Praza de Galicia contempla orixinalmente a
incorporación dunha fonte nun lateral deste céntrico recinto urbano. “Queremos
modificalo para que non só se cree unha fonte senón que sexa a fonte orixinal que un día
presidiu esta praza”. “Forma parte do imaxinario colectivo dos estradenses e naceu aquí,
aínda que todos a podemos lembrar na alameda municipal”, sostivo.
O alcalde quixo aclarar que, obviamente, a imaxe da fonte non poderá ser a mesma que
amosan as estampas máis antigas desta praza, xa que este elemento foi modificado
décadas atrás para o seu emprazamento nos xardíns municipais. A pretensión é que se
incorpore exactamente a fonte que se trasladou á alameda, que foi acopiada
integramente en dependencias municipais dende a súa retirada, xunto co demais
mobiliario deste recinto.
O carácter histórico da praza
Louzao Dono fixo tamén a reflexión de que a reforma da Praza de Galicia para pasar a ser
peonil se aproveitará para exaltar o carácter histórico que ten este antigo cruce de
camiños para o desenvolvemento urbano da capital municipal. Puxo de relevo a
importancia icónica que esta fonte ten nas imaxes antigas que poden verse desta zona
da Estrada, algunhas delas atesouradas no Museo do Pobo Estradense e baixo a antiga
designación de Praza Ramiro Ciorraga.
Tamén se referiu á conservación do farol que rematou por converterse en emblema
local e que ata chegou a bautizar, de xeito extraoficial, esta praza. A estes dous
elementos engadiu o alcalde o feito de que a praza recuperará o pavimento pétreo, “que
tamén tivo antigamente, aínda que co famoso adoquín”.
“Queremos destacar a imaxe da Praza de Galicia como ese espazo histórico que foi orixe
da Estrada, que é o noso espazo más antigo e emblemático para unha vila relativamente
nova, pero con moito patrimonio colectivo”, sinalou o mandatario.
Bo ritmo
Por outro lado, Gonzalo Louzao apuntou que as obras da Praza de Galicia e do seu
entorno continúan avanzando “a moi bo ritmo”, renovando a rede de pluviais,
canalizacións eléctricas e traída de agua. “Houbo cortes no abastecemento destas zonas
porque, xa que facemos esta obra de pavimentación, imos aproveitar para renovar as
redes, que nalgúns tramos aínda estaban en fibrocemento”, explicou o alcalde.
Os traballos estiveron nas primeiras semanas concentrados no primeiro tramo da Rúa
Don Nicolás e na Rúa Marqués de la Vega de Armijo, se ben esta semana chegaron xa á
confluencia entre a Rúa San Paio e Rúa 56. Tal e como anunciara o goberno, será despois
das festas de Nadal cando arranque o traballo na Praza de Galicia propiamente .
Neste contexto, Gonzalo Louzao sinalou que, unha vez rematadas as festas, o
emblemático farol levarase restaurar.
O alcalde aproveitou hoxe a ocasión para agradecer publicamente aos veciños a
compresión que amosan. Louzao asumiu que as obras sempre resultan molestas para
alguén e sinalou que despois das vacacións de Nadal os traballos quedarán concentrados
“na améndoa” central, que se busca gañar para o peón e embelecer para desfrute de
todos







































