O Concello sumará nove elementos novos nas diferentes paradas e
realizará melloras noutros preexistentes.
Haberá novos puntos cubertos de agarda para o alumnado a carón do
consistorio ou na Carballeira da Sagrada, en Codeseda
A concelleira estradense de Educación, Amalia
Goldar, visitou esta mañá a zona na que se erixen os tres institutos públicos do municipio
para supervisar o arranque da instalación das novas marquesiñas para as paradas do
transporte escolar, unha dotación que a responsable deste departamento municipal xa
avanzara a diferentes asociacións de nais e pais de alumnos coas que se reuniu.
Son un total de nove as novas marquesiñas que quedarán colocadas nas vindeiras semanas.
O Concello decidiu empezar polas que empregarán os alumnos dos centros emprazados na
Zona Deportiva: IES Manuel García Barros, IES Antón Losada Diéguez e IES Avelina
Valladares. Neste entorno haberá 5 puntos resgardados para que os estudantes agarden
polo servizo de transporte.
Concretamente, no IES Avelina Valladares incorpórase unha marquesiña de gran tamaño,
con 7 metros de ancho. O centro conservará outra de 2,40 metros, que será sometida a unha
intervención de limpeza e mellora.
Fronte ao IES Manuel García Barros, ao pé da Avenida da Cultura, colocarase outra
marquesiña para acoller aos alumnos que agardan polo autobús de regreso. Tamén neste
caso se manterá outra preexistente, que será limpada, e retirarase unha máis antiga. O
mesmo sucederá co IES Antón Losada Diéguez. Neste último caso o elemento quedará
instalado na parte posterior do centro, na saída que dá cara as piscinas municipais.
A instalación que comezou esta mañá completarase nos vindeiros días coa colocación dos
cristais e da serigrafía do Concello da Estrada. Goldar asumiu que son días de moita carga de
traballo, así que non puido precisar cando quedará completada toda a dotación.
En todo caso, será despois do Nadal cando se retome a colocación dos novos elementos
noutras zonas. A titular de Educación avanzou que se colocará outra das novas marquesiñas
na parada de autobús existente xunto ao consistorio, ao pé da Avenida Benito Vigo, un
punto de recollida do transporte escolar que emprega cada vez un maior número de
alumnos.
Tamén se instalará outro elemento na Carballeira da Sagrada, en Codeseda, para dar servizo
aos usuarios do transporte escolar neste punto.







































