Asinado esta mañá, o documento baséase nunha gobernanza
compartida entre o Servizo de Atención Primaria e o Concello, a través
do Consello Director do Plan de Saúde Local.
A Estrada consolida con este plan un traballo iniciado hai anos e
reafirma a súa aposta por unha Atención Primaria forte, unha mellor
coordinación cos servizos sociais e unha organización máis eficiente da
atención sanitaria.
Avanza cara un modelo de saúde máis integrado, que conecte a atención
sanitaria, os servizos sociais e a acción comunitaria, co obxectivo de
ofrecer unha atención máis próxima, máis proactiva e mellor adaptada
ás necesidades reais da poboación.
O Concello da Estrada e o Centro de Saúde
presentaron e rubricaron a primeira hora desta mañá o Plan de Saúde Local 2026-2030, un
documento estratéxico que dá continuidade ao plan anterior e que marca o camiño para
mellorar a saúde da poboación, partindo da realidade social e sanitaria do municipio. No
acto participaron o alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao Dono, o xefe de Atención Primaria no
servizo estradense, Juan Sánchez Castro, o concelleiro de Sanidade, Óscar Rancaño e a
coordinadora de Enfermería do centro, Maite Matalobos.
Este plan aposta por reforzar a Atención Primaria e avanzar cara un modelo de saúde máis
integrado, que conecte a atención sanitaria, os servizos sociais e a acción comunitaria, co
obxectivo de ofrecer unha atención máis próxima, máis proactiva e mellor adaptada ás
necesidades reais da poboación.
Neste senso, sinálase que a poboación da Estrada non escapa á variable demográfica
xeneralizada do envellecemento poboacional. O índice de envellecemento é de 300, o que
significa que por cada tres persoas maiores de 65 anos hai só unha menor de 16. Ademais,
preto do 7 % da poboación ten máis de 85 anos, o que supón case 1.500 persoas. Este
envellecemento acompáñase dun aumento das enfermidades crónicas, que hoxe
condicionan a maior parte da atención sanitaria.
A esta realidade súmase unha maior presión asistencial e a falta de médicos de familia, un
problema que afecta a todo o sistema sanitario e que obriga a repensar a forma de organizar
a atención.
Ante este escenario, o Plan de Saúde Local baséase nunha gobernanza compartida entre o
Servizo de Atención Primaria e o Concello, a través do Consello Director do Plan de Saúde
Local, que permitirá coordinar mellor as decisións e actuacións.
Iniciativas
Entre as iniciativas comunitarias, destaca a incorporación da Estrada á Rede Española de
Cidades Amigas da Infancia e das Persoas Maiores, así como o proxecto e-GALIAT, orientado
a promover unha alimentación saudable e sostible baseada na dieta atlántica, un modelo
propio de Galicia.
No ámbito sanitario, o Plan recolle medidas para mellorar a asistencia no Punto de Atención
Continuada (PAC), manter a e-consulta avanzada en cardioloxía, impulsar unha e-consulta
neurolóxica para a detección precoz de problemas de memoria e ofrecer unha mellor
atención ás persoas con enfermidades crónicas complexas, tanto en residencias como nos
seus domicilios.
Dentro desta estratexia, o plan presentado hoxe mantén a aposta por modelos de atención
de proximidade e autocuidado, sempre desde a elección informada das persoas usuarias e o
compromiso coa modalidade elixida.
Con este Plan de Saúde Local, A Estrada consolida un traballo iniciado hai anos e reafirma a
súa aposta por unha Atención Primaria forte, unha mellor coordinación cos servizos sociais e
unha organización máis eficiente da atención sanitaria, adaptada aos retos actuais e futuros
da poboación.







































