Trátase do Concello de Negreira, o Concello de Santa Comba, cunha
parroquia que leva este nome, e o concello estradense, que conta co
lugar de A Negreira, en San Miguel de Barcala
O Concello da Estrada será este ano o organizador
do encontro de irmandade entre os tres municipios de Galicia que comparten o
topónimo Negreira. Trátase do Concello de Negreira, o Concello de Santa Comba (pola
súa parroquia de Negreira) e A Estrada, onde figura un lugar con nome de A Negreira na
parroquia de San Miguel de Barcala.
Baixo o nome de “As tres Negreira de Galicia”, o acto celebrarse o sábado, 20 de
decembro, no lugar de Negreira, ás 12.00 horas. Nel participarán o alcalde estradense,
Gonzalo Louzao, e os rexedores de Negreira, Manuel Ángel Leis Míguez, e de Santa
Comba, Alberto Romar Landeira. Xunto a eles estará o secretario xeral da Lingua,
Valentín García, o historiador Xosé Amancio Liñares Giraut e Fernando Cabeza Quiles,
experto en toponimia.
É esta unha iniciativa que xurdiu do escritor e historiador Liñares Giraut, quen propuxo
ao Concello de Negreira levar a cabo un primeiro encontro no mes de setembro de 2024
no que tamén participou o referido filólogo e no que A Estrada estivo representada pola
edil Amalia Goldar Cora.
Cabeza Quiles aludiu entón ao falso xentilicio “nicrariense”, pois lembrou que no ano
1005 un monxe recreou a traslatio dende Dugium, a actual Fisterra, dos restos do
apóstolo Santiago, que terían pasado por unha localidade identificada como Portus
Nicrariae, pero non Nicraria.
Co acto na Estrada pecharase o ciclo, despois de teren organizado un evento de
irmandade similar nos outros dous municipios galegos nos que existe este topónimo.
No caso de que o tempo non acompañe, o evento trasladarase ao local social.








































