A ESTRADA CREARÁ 50 ILLAS NO RURAL, DOTADAS CON TODOS OSCONTEDORES, PARA FAVORECER A RECICLAXE EN CADA PARROQUIA

 O alcalde estradense abordou este proxecto coa conselleira de Medio
Ambiente, Ángeles Vázquez.
 Crearase una illa por parroquia e instalarase nun punto de referencia en
cada zona.
 Estarán rodeadas por unha estrutura de madeira, buscando que “sexan
funcionais pero tamén respectuosas co medio no que se van situar”.
 Os contedores marróns chegan mañá ás rúas, con 10 puntos orientados
a grandes produtores.
 A recollida destes residuos será os martes e xoves.

O alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao, profundou
hoxe noutro dos proxectos que estiveron sobre a mesa na reunión mantida coa
conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez. Como se
comunicou ao remate dese encontro, o rexedor abordou coa titular deste departamento
diversos aspectos vencellados á recollida de lixo no municipio. En concreto, o
mandatario local pediu a colaboración da consellería para un proxecto que suporá a
creación de 50 illas no ámbito rural, dotadas con todos os contedores, para favorecer a
reciclaxe en cada parroquia.
“No casco urbano estamos incorporando illas nas que teñamos a posibilidade de reciclar
de xeito global todo tipo de residuos, con colectores de vidro, cartón, amarelos para
envases lixeiros ou de residuos orgánicos, o obxecto de facilitar a reciclaxe selectiva.
Queremos facer iso en todas as parroquias, nas 50 parroquias rurais que compoñen o
concello”, sinalou o xefe do executivo local. “Así llo trasladei á conselleira Ángeles
Vázquez, que nos deu o seu apoio para a creación destas 50 illas, unha por parroquia,
para que teñamos ese punto de referencia”, engadiu.
“Somos o concello de España con máis núcleos de poboación. Todos teñen o seu
colector verde e moitos tamén o amarelo para plásticos e envases”, continuou o alcalde.
“O que queremos é que teñan todos os colectores reunidos nunha illa situada nun punto
de referencia en cada zona”, explicou.

Louzao Dono tamén detallou que o que se buscará será configurar illas respectuosas co
entorno no que se asenten. Para iso, os colectores destinados a cada tipo de residuo será
colocado nun punto rodeado por unha estrutura de madeira, procurando que estas illas
“sexan funcionais pero tamén respectuosas co medio no que se van situar”.
“Buscamos un servizo de proximidade e de calidade, ademais de favorecer a reciclaxe,
en cada unha das parroquias”, sinalou o alcalde estradense, que agarda que estas illas
cheguen ao rural en 2026 e que se sumen a iniciativas como a da distribución de
composteiros domésticos.
Compostaxe e contedor marrón
En relación a estes últimos falou hoxe o concelleiro de Servizos Municipais, Óscar Durán.
Explicou que a campaña realizada nas últimas semanas permitiu asignar as 500 unidades
que o Concello da Estrada adquiriu ao abrigo dunha subvención para a introdución do
quinto contedor. Durán recoñeceu que algúns cidadáns quedaron en lista de agarda e
que se está valorando unha segunda remesa de composteiros de cara ao ano que vén.
Noutra orde de cousas, o concelleiro sinalou que mañá xoves comezarán a instalarse nas
rúas do casco urbano os contedores marróns, destinados de xeito exclusivo a residuos
orgánicos. A incorporación destes elementos ás illas de colectores farase de xeito
gradual, comezando esta semana polos grandes produtores, nomeadamente
establecementos de venda de alimentación e restaurantes.
Neste senso, xa se seleccionaron 10 puntos de emprazamento:
• Avenida de Pontevedra (no entorno do supermercado Familia).
• Avenida de Santiago (nas inmediacións dos establecementos Invictus e Inferno).
• Avenida de Benito Vigo (xunto Froitería Doi e Froiz).
• Avenida Benito Vigo (á altura do número 24, próximo ao restaurante Gran Vía e
Mesón da Estrada).
• Avenida de Vigo (parte posterior do supermercado Froiz).
• Rúa Iryda (fronte supermercado Familia).
• Praza de Abastos.
• Rúa Gradín (xunto Restaurante Samaná)
• Rúa Leicures (ao inicio, no entorno de restaurante Manxares e outros
establecementos da contorna).

• Rúa 56 (Hostal A Bombilla).
Todos estes contedores marróns poderán ser empregados tamén por particulares que
desexen irse incorporando voluntariamente a estes depósitos e que teñan retirada a
tarxeta que se precisa para apertura dos contedores.
En canto á frecuencia de recollida, Óscar Durán explicou que a primeira será o vindeiro
martes, 23 de decembro, pasando novamente a recoller o xoves 26. Quedará así
establecida: dúas veces por semana, martes e xoves, asumindo que o volume será
reducido nestas primeiras semanas. En todo caso, o responsable de Servizos Municipais
sinalou que esta frecuencia poderá modificarse en función de como evolucione o
depósito de residuos orgánicos.
Despois desta primeira fase para grandes produtores iranse incorporando ás rúas, de
xeito paulatino, a totalidade dos 60 contedores marróns adquiridos polo Concello da
Estrada para esta implantación obrigatoria.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.