O CONCELLO RESTAURARÁ O ANTIGO FAROL DA PRAZA DACONSTITUCIÓN, QUE LEVA CATRO DÉCADAS NA AVENIDA DACULTURA

 Aínda que naceu aos pés do consistorio, foi retirado para a construción
da desaparecida fonte luminosa e colocado na Zona Deportiva no ano
1984.
 Está dotado dunha peaña de pedra a xeito de bancada e protagoniza, aos
pés do consistorio, moitas imaxes antigas.
 O goberno busca valorizar este elemento, que será embelecido coa
substitución do fuste actual que sostén o punto de luz polo do farol
ornamental de cinco brazos que había na Porta do Sol.
 A medida acompañará a limpeza e mellora de todo o paseo de esculturas
da Avenida da Cultura

O Concello da Estrada realizou nas últimas semanas un
labor de limpeza e mellora das diferentes esculturas que poboan a Avenida da Cultura,
na honra e lembranza de persoeiros aos que lles foron dedicados sucesivos Anos
Culturais na primeira década deste século. O alcalde, Gonzalo Louzao, avanzou que estas
melloras acompañaranse agora da valorización dun elemento patrimonial que foi
emprazado nesta mesma rúa, aínda que moitos anos atrás protagonizaba as fotografías
que se tomaban na Praza da Constitución, ao pé do consistorio.
Trátase dun antigo farol que naceu aos diante da casa de todos os estradenses, cunha
peaña de pedra que se empregaba a xeito de bancada, e que foi trasladado á Zona
Deportiva, concretamente a unha praza oficialmente denominada Fillos da Estrada en
Caracas.
Moito menos coñecido para os estradenses que o farol que preside -e mesmo bautiza de
xeito popular- a Praza de Galicia, este elemento tivo tamén un marcado protagonismo
na historia local. Foi durante anos o elemento protagonista aos pés do edificio do
Concello, como amosan algunhas imaxes antigas deste enclave urbano. Porén, este
punto de luz, dotado dun banco de pedra que o rodeaba, apartouse desta praza por mor

das obras de construción da mítica fonte luminosa que tamén ordenaba o tráfico ao
funcionar como unha gran rotonda.
O farol foi levado entón ao almacén municipal, do que saíu durante o mandato do
alcalde Manuel Reimóndez Portela. Comezou a desfrutar dunha segunda vida na Zona
Deportiva, na Avenida da Cultura. Quedou instalada na pequena Praza Fillos da Estrada
en Caracas, situada fronte ao IES Manuel García Barros, e alí leva máis de catro décadas.
O goberno que encabeza Louzao Dono non pretende mover este farol do seu sitio, pero
si realizar unha intervención que o realce. A idea é restaurar a súa peaña de pedra e
retirar o fuste que actualmente da soporte ao punto de luz. Máis polo miúdo, a
pretensión e substituír este elemento, de latón e escaso valor, por outro de certa
antigüidade e maior aporte estético.
En concreto, colocarase nesta histórica base o farol que tamén foi retirado no seu día da
Porta do Sol, unha estrutura de cinco brazos que foi conducida ao almacén municipal a
consecuencia das reformas experimentadas nesta zona da capital estradense.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.