A cabalgata de Reis volve atraer visitantes chegados doutros concellos
próximos e a de Papá Noel continúa incrementando a súa afluencia.
De cara a vindeira edición, o Concello valora incrementar as carrozas
que acompañan o desfile do 24 de decembro.
No ámbito cultural péchase un mes de programación con preto de 40
actividades.
No plano deportivo, a San Silvestre e a San Silveira pulverizan as súas
propias marcas en Fin de Ano e logran recadar máis de 1.200 quilos de
alimentos para Cáritas.
Coas estampas da visita dos Reis Magos aínda moi
presentes, chega o momento de facer balance de toda a actividade programada durante a
celebración do Nadal no Concello da Estrada. Distintos departamentos municipais confluían
hoxe nesta valoración e coincidían en estimar moi satisfactoria a marcha dos distintos
eventos programados, aplaudido a masiva afluencia nas rúas e agardando que esta se
traducira nun positivo impacto para a vertente comercial asociada a estas festas.
O concelleiro de Promoción Económica e Servizos Municipais, Óscar Durán, subliñou o éxito
acadado, un ano máis, polas cabalgatas do 24 de decembro e do 5 de xaneiro. “A cabalgata
de Papá Noel volveu darnos unha sorpresa moi agradable. É un evento que non se programa
en todos os concellos, que cada ano ten máis público e que constitúe un importante
aliciente para hostalería e comercio”, sinalou. Lembrou que este ano o percorrido de Papá
Noel polas rúas da Estrada estivo potenciado cun desfile de personaxes de animación e
adiantou que se está valorando incorporar na vindeira edición “unha ou dúas carrozas
máis”.
“A de Reis foi un auténtico espectáculo”, continuou Durán. Puxo o acento en que a cabalgata
do 5 de xaneiro na Estrada volveu ser un éxito, respaldada de xeito masivo por público local
e foráneo. “A xente na rúa compáraa coa cabalgatas de grandes cidades, sen ánimo de
desmerecer a ninguén”, recoñeceu o concelleiro, que sinalou a presenza de moitos
espectadores chegados doutros concellos.
Nesta ocasión, os Reis Magos desfilaron nunha comitiva conformada por oito carrozas,
acompañados pola Banda de Música Municipal da Estrada e a Banda de Gaitas de Barbude.
O tempo recomendou celebrar a recepción no Teatro Principal, ateigada de nenos e nenas
desexosos de compartir os seus desexos cos Reis.
Neste Nadal as cabalgatas da Estrada distribuíronse máis de 3.000 quilos de caramelos.
Durán no esqueceu recoñecer e agradecer hoxe todo o esforzo organizativo que para o bo
desenvolvemento destes desfiles realizou o persoal municipal, os axentes da Policía Local e
tamén Emerxencias da Estrada. Recordou a complexidade engadida de ter que cortar
momentaneamente a N-640, unha cuestión que brindou ao concelleiro a oportunidade de
reivindicar a chegada da tan agardada variante.
No tocante á iluminación, o responsable desta ornamentación amosouse convencido de que
o esforzo nesta materia cubre xa as necesidades. “A xente vén á Estrada a ver o ambiente
que se crea na rúa, non vén por se temos cada ano unha árbore máis alta que a anterior. De
cara ao próximo Nadal temos que darlle unha volta e pensar nun atractivo que non pase por
incrementar as luces”, indicou.
De récord
No eido deportivo este foi un Nadal de récord. Dende o departamento que dirixe Ismael
Pena concretouse hoxe que tanto a San Silvestre do 31 de decembro como a San Silveira de
BTT superaron todas as marcas de edicións anteriores. O mesmo acontenceu coa San
Silvestre Acuática do 24 de decembro.
Na proba de bicicleta participaron un total de 177 deportistas e na carreira de Fin de Ano
foron 905 os dorsais distribuídos. Atendendo ao carácter benéfico das dúas probas, o récord
chegou tamén na cantidade de alimentos recollidos a prol de Cáritas Parroquial da Estrada,
estimando que se entregaron máis de 1.200 quilos.
No apartado cultural, o Nadal despídese na Estrada pechando un programa conformado por
preto de 40 actividades no prazo dun mes, entre o 5 de decembro e o 5 de xaneiro. A
concelleira de Cultura, Lucía Seoane, sinalou que foron moitos os eventos que se
desenvolveron con aforo completo (caso de varios dos programados na Sala Abanca ou de
espectáculos coma “Pincho” ou o concerto de Nadal do Obradoiro de Música Moderna
Carlos Barruso) e que serviron para encher de ambiente as rúas. Considerou que a
programación deseñada foi variada e pensada para o desfrute de cidadáns de todas as
idades.











































