Despois das convocatorias de xaneiro, a nova etapa formativa
desenvolverase entre os meses de febreiro e maio, cun total de seis
cursos.
O Concello de A Estrada vén de pechar coa Fundación
Cibervoluntarios unha nova fase do programa YoConecto, que contará con seis novos
cursos de formación dixital para o seu desenvolvemento entre os meses de febreiro e
maio. A programación realizarase na Casa da Música, en horario de mañá.
Esta nova planificación chega tras o éxito da primeira convocatoria, iniciada no mes de
decembro, e que aínda ten cursos que se celebrarán entre o 19 e o 29 de xaneiro, cuxas
inscricións xa están pechadas. En total, van ofertadas nestas dúas formacións 63 prazas,
unha cifra que superou amplamente as expectativas iniciais, o que levou ao Concello a
ampliar e duplicar a oferta, co obxectivo de garantir unha atención máis personalizada e
adaptada ao ritmo das persoas participantes.
O concelleiro de Novas Tecnoloxías e Conectividade, Manuel Magariños, destacou que
“esta resposta da veciñanza confirma que había unha necesidade real de formación
dixital, especialmente entre persoas que querían aprender pero que ata agora sentían
medo ou inseguridade”. Segundo sinalou, o obxectivo é “poñer a tecnoloxía ao servizo
das persoas, acompañalas e darlles confianza para que se sintan capaces”.
Magariños quixo tamén agradecer expresamente a colaboración da Fundación
Cibervoluntarios, poñendo en valor “a súa implicación e flexibilidade á hora de ampliar e
duplicar os cursos inicialmente previstos, dando resposta ao elevado número de persoas
interesadas”. “Cando unha iniciativa funciona”, engadiu, “o importante é saber
reaccionar e mellorar a oferta para que ninguén quede atrás”.
Seis novos cursos
Esta nova fase do programa YoConecto contará con seis novos cursos, cos que o Concello
da Estrada quere seguir avanzando na inclusión dixital da veciñanza. Trátase dunha
formación pensada para que as persoas participantes poidan sacar todo o partido ao seu
teléfono móbil, tanto para comunicarse como para facer xestións e trámites do día a día.
NOTA DE PRENSA
CONCELLO DA ESTRADA
GABINETE DE COMUNICACIÓN comunicacion@aestrada.gal
Ana Cela Neira 669 645 345
“O teléfono móbil ofrece posibilidades practicamente infinitas”, explicou Manuel
Magariños, “pero para aproveitalas hai que coñecelas e, sobre todo, perderlle o medo”.
“Non falamos de saber máis ca ninguén”, engadiu, “senón de gañar autonomía,
tranquilidade e sobre seguridade”.
A nova programación YoConecto na Estrada (febreiro – maio) ten a seguinte
calendarización:
FEBREIRO
• YoConecto L4. Iniciación ao mundo dixital.
Datas: 3, 5, 10 e 12 de febreiro.
Dirixido a: Cidadanía +18.
• YoConecto L4. Apps útiles para a xestión de trámites en Internet.
Datas: 17, 19, 24 e 26 de febreiro.
Dirixido a: Cidadanía +18.
MARZO
• YoConecto L1. Comunica con confianza: WhatsApp e Telegram.
Datas: 17, 19, 24 e 26 de marzo.
Dirixido a: Maiores de 60 anos.
ABRIL
• YoConecto L1. A túa banca dixital. Compras seguras en liña (Grupo 2).
Datas: 7, 9, 14 e 16 de abril.
Dirixido a: Maiores de 60 anos.
• YoConecto L4. Seguridade: Protexe o teu mundo dixital.
Datas: 21, 23, 28 e 30 de abril.
Dirixido a: Cidadanía (+18)
MAIO
• YoConecto L1. Lecer dixital.
Datas: 5, 7, 12 e 14 de maio.
Dirixido a: Maiores de 60 anos
A celebración para todos os cursos terá como espazo a Casa da Música e serán en horario
de 10.00 a 13.00 horas.
Cómpre lembrar que da primeira convocatoria queda aínda pendente de celebración do
curso “YoConecto L1. A túa banca dixital. Compras seguras en liña”, previsto para o mes
de marzo. No caso de que as persoas inscritas nos cursos das edicións anteriores non
esgoten o cupo de prazas, este curso podería acoller novas incorporacións.







































