Aposta por reforzar a Atención Primaria e avanzar cara un modelo de
saúde máis integrado, que conecte a atención sanitaria, os servizos
sociais e a acción comunitaria.
O seu obxectivo de ofrecer unha atención máis próxima, máis proactiva
e mellor adaptada ás necesidades reais da poboación.
O consistorio estradense acolleu este mediodía a
primeira reunión do Comité de Dirección do Plan de Saúde Local da Estrada, un
documento estratéxico con vixencia para o período 2026-2030 que dá continuidade ao
plan anterior e que marca o camiño para mellorar a saúde da poboación, partindo da
realidade social e sanitaria do municipio.
O Comité de Dirección do Plan de Saúde Local da Estrada está constituído polo alcalde,
Gonzalo Louzao, o xefe de servizo de Atención Primaria na Estrada, Juan Sánchez Castro,
a xefa de Enfermería no centro de saúde, Maite Matalobos, o concelleiro estradense de
Sanidade, Óscar Rancaño, e concelleira de Servizos Sociais, Amalia Goldar.
O encontro, de carácter interno, permitiu a abordaxe e análise de cuestións como os
resultados da última Oferta Pública de Emprego (OPE) e do concurso de traslados,
valorando o impacto na estrutura actual do cadro de persoal do servizo estradense de
Atención Primaria. De igual xeito, valorouse a cobertura de vacantes e o reforzo de
Enfermería en horario de tarde e durante as fins de semana no Punto de Atención
Continuada (PAC).
Cómpre lembrar que este plan aposta por reforzar a Atención Primaria e avanzar cara un
modelo de saúde máis integrado, que conecte a atención sanitaria, os servizos sociais e a
acción comunitaria, co obxectivo de ofrecer unha atención máis próxima, máis proactiva
e mellor adaptada ás necesidades reais da poboación.
O Consello Director do Plan de Saúde Local permitirá coordinar mellor as decisións e
actuacións do Plan de Saúde Local, que está baseado nunha gobernanza compartida
entre o Servizo de Atención Primaria e o Concello. Con el, A Estrada consolida un traballo
iniciado hai anos e reafirma a súa aposta por unha Atención Primaria forte, unha mellor
coordinación cos servizos sociais e unha organización máis eficiente da atención
sanitaria, adaptada aos retos actuais e futuros da poboación.
Iniciativas do plan
Entre as iniciativas comunitarias incluídas no Plan de Saúde Local 2026-2030 destaca a
incorporación da Estrada á Rede Española de Cidades Amigas da Infancia e das Persoas
Maiores, así como o proxecto e-GALIAT, orientado a promover unha alimentación
saudable e sostible baseada na dieta atlántica, un modelo propio de Galicia.
No ámbito sanitario, o Plan recolle medidas para mellorar a asistencia no Punto de
Atención Continuada (PAC), manter a e-consulta avanzada en cardioloxía, impulsar unha
e-consulta neurolóxica para a detección precoz de problemas de memoria e ofrecer
unha mellor atención ás persoas con enfermidades crónicas complexas, tanto en
residencias como nos seus domicilios.
Dentro desta estratexia, o plan mantén a aposta por modelos de atención de
proximidade e autocuidado, sempre desde a elección informada das persoas usuarias e
o compromiso coa modalidade elixida.







































