O alcalde da Estrada, @gonzalolouzaodono, acompañou esta mañá a Maricarmen Rodríguez, Kim Llobet e Marisé García nunha rolda de prensa na que se fixo un chamamento para que todos os interesados participen, o vindeiro xoves 22 ás 19.30 horas, na presentación do libro «De nais a fillas. Receitas para non esquecer».
O rexedor destacou que este libro «é un tributo a mulleres que foron verdadeiras creadoras e valedoras da cociña galega tradicional». «Elas preservaron e transmitiron un saber culinario que temos que entender como unha parte do noso patrimonio cultural», sinalou.
A obra recolle receitas da estradense Maricarmen Rodríguez, Manicha Bermúdez, Toñi Vicente, Chus González, Ana Gago, Eva Burgos, Carlota Cabanas, Rosalina e Teri Carballa e Loli Barreiro.
Na aportación de Maricarmen Rodríguez, con máis de 40 anos de traxectoria no Restaurante Nixon da Estrada, hai moito sabor ao salmón, estrela da cociña estradense.







































