Os certames literarios Manuel García Barros, Avelina Valladares e
Alberte Quiñoi condensan conxuntamente unha dotación económica de
15.000 euros.
A concelleira de Cultura, Lucía Seoane, lembrou hoxe
que este departamento pechará, o sábado 31 de xaneiro, o prazo de recepción de
orixinais para tres dos premios literarios que convoca: o Manuel García Barros de novela;
o Avelina Valladares de poesía e o Premio Alberte Quiño de Álbum Ilustrado. Os
interesados teñen as bases á súa disposición na páxina web do Concello da Estrada.
Estes galardóns condensan conxuntamente unha dotación económica de 15.000 euros.
As tres convocatorias teñen como denominador común o feito de que, co impulso a
estes certames, o Concello da Estrada amosa a súa sensibilidade co proceso cultural de
Galicia, entendendo que un dos bens máis prezados da comunidade é o da creación
literaria, un aspecto de salientable significación no marco da Lingua e da Cultura, que
redunda non amplo desenvolvemento da propia identidade.
O premio Manuel García Barros chega a súa 38ª edición e a súa dotación económica é de
9.000 euros. O Premio de Poesía Avelina Valladares celebra neste 2026 tres décadas de
historia. Os orixinais terán tema e forma libres, se ben os textos deberán contar cun
mínimo de 300 versos e cun máximo de 800. Neste caso a dotación económica é de
2.000 euros.
Finalmente, o Premio de Álbum Ilustrado Alberte Quiñoi celebra este ano a súa sexta
edición. Concibe o álbum infantil como o conxunto de texto e ilustración. Establécese un
mínimo de oito páxinas rematadas. Poderán concorrer ao premio tanto unha soa persoa
autora da parte textual e da gráfica coma dúas ou máis persoas coautoras da parte
textual e/ou gráfica. A súa dotación económica é de 4.000 euros.







































