O CONCELLO DA ESTRADA ENDURECE O CONTROL NAS SACAS DEMADEIRA PARA GARANTIR A PROTECCIÓN DAS PISTAS MUNICIPAIS.

 Ante os reiterados danos nas pistas, incidirá de maneira estrita na
aplicación da ordenanza municipal vixente.
 As cortas e abastecementos de árbores teñen que ter unha comunicación
previa ao Concello e unha autorización para o transporte de madeira,
ambos trámites obrigatorios pero gratuítos.
 As empresas que non aporten, no momento da comunicación previa, o
seguro de responsabilidade civil, terán que depositar unha fianza en
metálico ou aval bancario en favor do Concello, que varía en función do
volume de corta.
 A Policía Local realizará labor de inspección e aplicarase, cando sexa
pertinente, o réxime sancionador.

O Concello da Estrada reforzará o control dos traballos
de corta e sacas de madeira e non tolerará novos danos nas vías públicas, aplicando de
maneira estrita a ordenanza municipal xa vixente. A decisión chega tras os reiterados
danos rexistrados en pistas municipais como consecuencia deste tipo de actividades.
Para realizar calquera destas accións, a administración municipal será taxativa na
esixencia de que que as empresas madeireiras realicen unha comunicación previa,
ademais de presentar o seguro correspondente ou un aval bancario en favor do
Concello, ao obxecto de responder dos posibles danos.
Non é a primeira vez que dende o goberno local se move ficha neste senso. En abril de
2025 o Concello da Estrada lanzou un aviso ante a presenza de camiños estragados por
vehículos pesados que retiraban madeira nos montes do municipio, chegando a deixar
impracticables algunhas pistas. Un dos exemplos máis evidentes rexistrouse na
parroquia de Frades, onde o estado no que se deixou un camiño imposibilitou o paso dos
equipos de extinción ante un incendio forestal.
O concelleiro de Servizos Municipais, Óscar Durán, recoñeceu hoxe que a situación está
lonxe de teren mellorado. Asegurou que se está detectando “constantemente” o

estrago de camiños durante a actividade de corta ou retirada de madeira, unha situación
que levará á taxativa aplicación da normativa municipal vixente.
Durán sinalou que a intención é ir “máis aló” do que xa se vén aplicando ata o de agora.
Sinalou que os permisos precisos, que de seguido se detallarán, “xa eran unha esixencia
de sempre”.
Comunicación previa e permiso de transporte
Deste xeito, a ordenanza contempla que as cortas e os abastecementos de árbores que
constitúan masa arbórea, espazo boscoso, arboredo ou parque, calquera que fose a
clasificación urbanística do solo, estarán suxeitas ao réxime de comunicación previa
neste Concello. Aínda que este trámite non comporta un desembolso económico, é
completamente obrigatorio que as empresas madeireiras comuniquen ao Concello
calquera actividade nestes espazos.
Ademais, co propósito de garantir a conservación da rede viaria municipal, será
necesario solicitar unha autorización para o transporte de madeira procedente da corta
que se realice nas plantacións existentes no municipio estradense. Este trámite ten un
carácter obrigatorio, pero novamente gratuíto.
Nesta solicitude haberá que especificar a situación da parcela onde se vai sacar a
madeira, dos camiños ou vías públicas por onde se vai efectuar o transporte da mesma,
as características dos vehículos que se van empregar e os días previstos para realizar
este transporte. Neste trámite tamén se xuntará unha fotocopia do permiso de corta da
administración forestal cando sexa necesario.
Seguro ou fianza
De igual xeito, a ordenanza explicita que as empresas madeireiras deberán dispoñer dun
seguro de responsabilidade civil que cubra os posibles accidentes laborais, así como os
posibles danos nas vías públicas ou noutros bens competencia da administración local.
No caso de que as empresas non presenten este seguro no momento de efectuar a
comunicación previa -ao que poder dirixir, chegado o caso, as reclamacións oportunas- o
Concello esixirá o depósito dunha fianza en metálico ou un aval bancario. Segundo se
recolle na ordenanza en vigor, esta fianza terá que ser depositada no momento de
efectuar a comunicación previa, establecéndose as seguintes contías:
• Volume de corta inferior a 300 metros cúbicos: 500 euros.
• Volume de corta entre 300 e 1.000 metros cúbicos: 1.500 euros.
• Volume de corta superior a 1.000 e ata 3.000 metros cúbicos: 4.000 euros.
NOTA DE PRENSA
CONCELLO DA ESTRADA
GABINETE DE COMUNICACIÓN comunicacion@aestrada.gal
Ana Cela Neira 669 645 345
• Volume de corta superior a 3.000 metros cúbicos: 6.000 euros.
A ordenanza reguladora establece tamén outra serie de obrigas para as empresas que
realicen cortas e sacas de madeira. Terán que limpar os residuos da corta de madeira, de
xeito que as pistas, camiños e espazos públicos queden no estado de limpeza e
conservación que tiñan antes das súas operacións. De igual xeito, están obrigadas a
sinalizar as vías situadas nas zonas de extracción e deposito de madeira. En terceiro
lugar, deberán derrubar ou repor ao estado anterior as ramplas abertas para facilitar o
acceso ao terreo ou monte, de xeito que, cando chova, a auga e a terra arrastradas non
inunden e causen danos en vías municipais ou parcelas estremeiras.
Óscar Durán sinalou hoxe que o Concello implicará á Policía Local na inspección destas
tarefas. Cómpre indicar que a normativa existente ten parello un réxime sancionador. En
función do carácter leve, grave ou moi grave que se estime para as infraccións, as multas
van dende os 100 aos 6.000 euros.
“Faranse partes de incidencia, identificarase ao propietario da finca e pediranse as
correspondentes autorizacións á empresa que efectuou o traballo para, a partir de aí,
esixir responsabilidades”, concluíu o concelleiro.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.