O Concello aprobou hoxe as bases que regularán a actividade o luns 16
de febreiro, cunha dotación global de 5.860 euros.
Non se pon limitación en canto ao número máximo de participantes,
pero si haberá un número mínimo de 10 persoas para a categoría de
grupos.
No tocante ao premio especial, para considerase grupo local deberá estar
formado por máis do 50% de residentes na Estrada.
O Concello da Estrada aprobou hoxe as bases
reguladoras do concurso de disfraces do Entroido que se celebrará o vindeiro luns 16 de
febreiro. Consonte ao anunciado, a dotación global do concurso será de 5.860 euros,
unha contía que se duplica (en 2025 foron 2.860 euros) coa intención de favorecer a
participación e vistosidade das comparsas. Entre as novidades que recollen estas bases
está o establecemento de puntuacións numéricas máximas nos criterios de valoración
ou a determinación de que o premio especial para grupos locais implique que máis do
50% dos participantes sexan estradenses.
Poderán participar neste certame todas as asociacións, barrios, parroquias, colexios e
persoas que o desexen. Non se porán limitacións en canto ao número máximo de
participantes, pero si haberá un número mínimo de 10 persoas para a categoría de
grupos. Os fins que persegue o concurso son a orixinalidade e creatividade, así como
unha participación activa e humorística no desfile do luns de Entroido.
Para participar, os interesados deben presentar as súas solicitudes no departamento de
Alcaldía do Concello, entre as (09.00 e as 14.00 horas), a través da sede electrónica ou
ben no enderezo electrónico alcaldia@aestrada.gal. É preciso xuntar o modelo de
inscrición firmado, sendo imprescindible que o departamento confirme cun correo a
recepción da folla de inscrición.
A data límite de inscrición será o propio luns 16 de febreiro ás 14.00 horas. As persoas
non inscritas que se presenten no momento da saída poderán participar no desfile, pero
estarán fóra do concurso.
O xurado estará formado pola concelleira de Cultura, Lucía Seoane, por Pedro Pérez
(Producciones Trípode), Susana García Lorenzo (modista de Artesanía de Galicia) e a
artista Sali Torres.
Criterios
No tocante aos criterios para a emisión do seu fallo, valorarán cun máximo de 10 puntos
a orixinalidade, estética, artes, vestiario, caracterización, creatividade e traballo na
elaboración dos disfraces, comparsas e carrozas. A esta mesma puntuación máxima
aspira o apartado da posta en escena, animación musical, a capacidade de interacción co
público, a sátira e crítica social.
O uso de material de refugallo pode supoñer ata 4 puntos. Valorarase con outros 2 como
máximo a inspiración en fontes culturais (escritores, pintores, científicos…) para a
temática das carrozas, comparsas e disfraces. Os criterios de valoración reservan outros
dous puntos para apreciar a conservación do Entroido tradicional.
A contía dos premios queda fixada do seguinte xeito:
• CATEGORÍA INDIVIDUAL INFANTIL (ata 14 anos): premio único de 90 euros.
• CATEGORÍA INDIVIDUAL ADULTO: premio único de 120 euros.
• CATEGORÍA PARELLAS: premio único de 150 euros.
• CATEGORÍA MASCOTAS: premio único de 50 euros.
• CATEGORÍA GRUPOS
• 1º PREMIO: 2.000 euros.
• 2º PREMIO: 1.500 euros.
• 3º PREMIO: 1.000 euros.
• 4º PREMIO: 500 euros.
• PREMIO ESPECIAL (grupos locais): 450 euros.
No tocante ao premio especial de grupos, para considerase grupo local deberá estar
formado por máis do 50% de residentes na Estrada. Este premio non será outorgado se
fosen premiados noutras modalidades e deberase indicar na folla de inscrición se o
grupo cumpre o requisito para poder optar a esta modalidade.
A celebración do concurso arrancará ás 16.30 horas do luns de Entroido. Os
concursantes deben presentarse entre as 15.30 e as 16.00 na Rúa Antón Losada Diéguez.
O itinerario iniciarase nesta rúa, para continuar por Avenida de Santiago, Avenida de
NOTA DE PRENSA
CONCELLO DA ESTRADA
GABINETE DE COMUNICACIÓN comunicacion@aestrada.gal
Ana Cela Neira 669 645 345
América, Rúa Peregrina, Praza de Galicia, Rúa Calvo Sotelo, Rúa José e Severino Trigo e
Praza da Feira.
Os premios entregaranse o día da celebración do concurso, debendo estar presentes os
gañadores. O pago farase mediante transferencia bancaria, debendo aportar certificado
acreditativo de estar ao corrente das obrigas tributarias e de non estar incursos nos
supostos de incompatibilidade para recibir subvencións. Aos premios maiores de 300
euros seralles aplicada a correspondente retención do IRPF segundo lexislación vixente.






































